Inesquecible. Así foi a sexta edición do festival Surfing the Lérez. Miles de persoas deixaron ver este sábado o seu lado máis rockeiro e achegáronse á Illa das Esculturas para gozar do festival máis familiar que, sen dúbida, se celebra nas Rías Baixas.
Tras o aperitivo do venres con bandas como Los Chavales, The Limboos, The Phantom Keys, Samesugas e o pontevedreses Tractor Troy, o día grande do Surfing the Lérez non defraudou a ninguén. Mesmo o sol e a calor fixeron acto de presenza tras unha semana chuviosa para contribuír ao éxito dun festival que crece ano a ano.
Ao mediodía -ás 12:15 horas comezaron a soar os primeiros acordes de Antifrágil-, centos de pontevedreses atopábanse xa na Illa das Esculturas para escoitar aos trece grupos que se subiron aos dous escenarios habilitados na zona para amenizar a xornada.
Pero a medida que foi avanzando a tarde a asistencia foi masiva, especialmente a partir das cinco da tarde co concerto de Eladio y los seres queridos. Antes tocaran Jhonander, The Phantom Dragsters, Agoraphobia, Igloo, Thee Blind Crows e Dixie Town.
A xornada completouse cos concertos de Arturo Delgado, Atención Tsunami, Terbutalina, Novedades Carminha e Familia Caamagno, que pecharon un Surfing the Lérez 100% galego e que quedará, sen dúbida, no recordo do público.
Como vén sendo habitual, a entrada ao Surfing the Lérez era gratuíta, pero pedíanse doazóns de alimentos non perecedoiros ou produtos de primeira necesidade que serán entregados posteriormente á Rede Axuda.