Román Rodríguez asegura que a facultade Belas Artes sempre foi "clave" para o desenvolvemento artístico de Galicia

Pontevedra
12 de marzo 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou este venres a exposición "Cultivar Incertezas. Reformular o espazo/Conmocionar a mirada" coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) lle rende homenaxe aos 30 anos de historia da Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Rut Masso. Angeles Sedientos 2009
Rut Masso. Angeles Sedientos 2009 / CGAC

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, visitou este venres a exposición "Cultivar Incertezas. Reformular o espazo/Conmocionar a mirada" coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) lle rende homenaxe aos 30 anos de historia da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. 

Trátase dunha mostra que se pode visitar ata o vindeiro 23 de maio e que reúne o traballo dunha trintena de artistas procedentes das diferentes promocións desta universidade.

Durante a súa visita, o responsable de Cultura da Xunta de Galicia puxo en valor o papel que xoga esta facultade na expansión e ensanchamento das fronteiras culturais en Galicia.

"Desde os seus inicios, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra é un dos principais focos de ensino e formación artística, un centro único en Galicia que sempre se mantivo á vangarda das correntes culturais e que resultou clave para o desenvolvemento artístico da Comunidade", salientou Román Rodríguez.

Esta mostra conta coa participación dunha trintena de artistas das diferentes promocións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra entre os que se inclúen os licenciados nos seus primeiros anos ata os que aínda se atopan finalizando a súa etapa formativa.

Como comprobou o conselleiro na súa visita, cada artista está representado por unha obra ou conxunto de obras de especial relevancia dentro da súa traxectoria. Na súa gran maioría, optouse por obras adquiridas por museos, institucións e coleccións privadas "moitas delas da propia Colección CGAG, pechando así o círculo do imprescindible apoio social e institucional á produción artística", explicou.

Trátase de Erik Balbuena, Vicente Blanco, Teresa Búa, Mónica Cabo, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Marcos Covelo, Victoria Diehl, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Almudena Fernández Fariña, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Amaya González Reyes, Julia Huete, Marta Lorenzo, Rut Massó, Manuel Mata, Nano 4814, Álvaro Negro, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Jorge Perianes, Mar Ramón, Rubén Ramos Balsa, Juan Rivas, Borja Santomé, Sandra Varela, Mar Vicente e Verónica Vicente.