Este xoves 13 de febreiro, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e Quico Obelleiro, director do CEIP Manuel Padín Truiteiro, acompañaron ao cantautor Tino Baz na súa visita a este centro escolar do concello.
Co Día de Rosalía á vista, as verbas da gran escritora xa resonaron en Soutomaior da man deste artista, que está a percorrer os centros educativos do municipio para compartir co alumnado o seu coñecemento e o legado de Rosalía de Castro.
Os alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Manuel Padín Truiteiro participaron cantando e aprendendo co músico, nun acto que serviu tamén para inaugurar o renovado Salón de Actos do centro, obra do Goberno Local.
E este sábado 15 de febreiro, Tino Baz ofrecerá un concerto no Multiusos de Soutomaior ás 20:00 horas.
Aqueles que aínda non teñan a súa entrada, poderán adquirila de balde no propio Multiusos entre as 19:00 e as 19:30 horas.
Nado na Guarda en 1972, Tino Baz creceu envolto na música tradicional galega. Comezou a tocar a gaita con só 8 anos e, con 18, uniuse ao grupo A Roda da man de Suso Vaamonde, figura clave no seu desenvolvemento como músico.
A súa traxectoria inclúe colaboracións con grupos como A Quenlla ou Treixadura, e en 2008 presentou o seu primeiro traballo en solitario, Cinsa Namorada, un disco onde a música e a poesía se entrelazan de forma excepcional.
Despois dun paréntese creativo, en 2019 publicou Si cantan, es ti que cantas, un proxecto no que musicaliza poemas de Rosalía de Castro.
Neste traballo, Tino Baz non só pon voz, senón que tamén toca guitarras e zanfonas, acompañado por artistas como Laura Quintillán, Alberto Vilas e o coro Cantares do Brueiro de Camposancos (A Guarda). As ilustracións de Karina Mouriño no caderno interior completan unha obra que é unha verdadeira xoia artística.