O salón de plenos do Concello de Soutomaior acolleu este venres a reunión que o alcalde Manu Lourenzo, e a técnica de Educación, Sonia Pintos, mantiveron coa comunidade educativa do municipio.
A esta cita estiveron convidados representantes da Escola Infantil Galiña Azul, da EEI de Romariz, do CEIP Manuel Padín Truiteiro, do Colexio Santiago Apóstol, do IES Soutomaior e tamén das ANPAS rexistradas no concello que son a do Padín, do IES e do Santiago Apóstol.
O obxectivo deste encontro foi presentar o Programa Municipal de Ensino, no que se leva traballando dende o mes de setembro.
Este programa municipal ofrece unha ampla e variada oferta no eido educativo, cultural e de dinamización do municipio atendendo ás demandas dos centros educativos, do tecido asociativo e da comunidade, en xeral.
Baixo o nome de 'Camiñando Libres' púxose en marcha o pasado ano un programa municipal de intervención socioeducativa en Soutomaior coa intención de que se establezan contidos para traballar co alumnado ao conectar os departamentos de Ensino e Mocidade del Concello cos centros escolares.
O programa presentado hoxe pola alcalde contempla a sinatura dun convenio coas ANPAS para que desenvolvan actividades que beneficien a comunidade educativa, articulando unha liña de subvencións específica.
Ademáis constitúese unha mesa na que se informará da xestión municipal no eido da Educación, dende a conservación e mantementos dos centros ata a intervención socio educativa que xira ao redor de cinco liñas de acción: "Explora, promove, educa", "Divulgaciencia", "Hábitos saudables", "Aprendizaxe socioemocional" e "Discurso do odio".
A finalidade desta mesa é unir esforzos para coñecer de primeira man as necesidades e inquedanzas da comunidade educativa e tamén buscar a súa implicación coas actividades e proxectos a levar a cabo dende o Concello de Soutomaior.