"Rosalía volve estar entre todos e todas nós, como aquel primeiro 17 de maio 1963, que o mesmo Del Riego impulsou"

Pontevedra
15 de maio 2023

O Paseo de Antonio Odriozola, na contorna da Praza da Ferrería, acolle a partir deste luns a exposición 'Rosalía coma ti' organizada polo Departamento de Normalización Lingüística con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano celebra a súa edición número 60.

Exposición 'Rosalía coma ti' no Paseo de Antonio Odriozola
Exposición 'Rosalía coma ti' no Paseo de Antonio Odriozola / Concello de Pontevedra

O Paseo de Antonio Odriozola, na contorna da Praza da Ferrería, acolle a partir deste luns a exposición 'Rosalía coma ti' organizada polo departamento de Normalización Lingüística de Pontevedra con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano celebra a súa edición número 60.

A exposición, integrada por unha serie de paneis colocados no paseo, percorre a figura de Rosalía de Castro, "para coñecela máis e mellor".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, encargado de inaugurar a exposición este luns, lembrou que nesta edición das Letras Galegas "Rosalía volve estar entre todos e todas nós, como aquel primeiro 17 de maio 1963, que o mesmo Del Riego impulsou", en alusión a Francisco Fernández Del Riego, homenaxeado este ano.

De Rosalía destacou Lores que "é a nosa autora. É a nai da nosa literatura, é unha icona do país, unha icona popular coa que nos sentimos identificados", pero tamén "un mito atemporal, o mito o da alma colectiva galega", tal e como lembra María Lado na exposición. 

É Rosalía de Castro, para Fernández Lores, un mito que defende Galicia, que defende as súas mulleres e o compromiso coa defensa da lingua. 

Tamén o galego como lingua tivo protagonismo no seu discurso, pois é "o ben máis importante que temos como pobo". Así, sinalou que todas as persoas que o usan acotío saben do seu valor, da súa beleza e da súa capacidade como instrumento para xerar orgullo, para xerar país e para xerar unha cultura de seu que persiste ao tempo.

O Día das Letras Galegas é unha xornada conmemorativa que "abre a porta á memoria; á memoria das nosas autoras, aquelas que traballaron e elevaron, mesmo salvaron, o galego nos seus intres máis escuros como lingua" e este ano rende homenaxe a  Fernández del Riego, un dos tres impulsores e un dos traballadores imprescindíbeis á hora de salvagardar e entender o patrimonio literario galego.