Javier Lago e Raúl Ben, gañadores do certame Música nas Letras

Pontevedra
18 de maio 2023

Seis artistas e bandas de Pontevedra participaron no certame Música nas Letras, unha iniciativa municipal para incentivar o uso da lingua galega na música. Todos eles deberon musicar, con composicións orixinais, un poema ou texto dalgunhas das figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas

Raúl Ben e Javier Lago
Raúl Ben e Javier Lago / PontevedraViva

Seis artistas e bandas de Pontevedra participaron no certame Música nas Letras, unha iniciativa municipal para incentivar o uso da lingua galega na música.

Todos eles deberon musicar, con composicións orixinais, un poema ou texto dalgunhas das figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas desde os seus inicios, en 1963.

Foron tres as propostas que chegaron á gran final do certame, que se celebrou este mércores na Praza da Ferrería baixo a conducción do músico Xurxo Souto.

O xurado decidiu que os gañadores do certame fora a parella artísica formada por Javier Lago e Raúl Ben, que adaptaron o poema Acróstico, de Lois Pereiro. Recibiron 1.000 euros de premio.

O segundo posto foi para a banda BOHR, que presentou unha canción titulada Témperas, versionando un poema de Blanco Amor; e a terceira praza foi para o pontevedrés Álex Outeda coa súa adaptación da Negra Sombra de Rosalía de Castro. 

Este último recibiu ademais o premio do público, escollido mediante votos por Instagram.

Nesta edición de Música nas Letras participaron tamén Antón Ke co tema Voaría, unha adaptación do Airiños, airiños, aires de Rosalía de Castro; Fosa das Fadas con Esvaemento, creada a partir de textos de Rosalía e Castelao; e Nicodelic Experience con Penetration Prayer, unha versión dun poema de Lois Pereiro.

A poesía de Noelia Gómez, que recitou varios poemas en directo, completou o acto co que Pontevedra conmemorou o Día das Letras Galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego.