Roteiros literarios e de arquitectura, as propostas da Deputación para setembro e outubro

Pontevedra
29 de agosto 2020

Os Roteiros literarios serán os sábados con visitas guiadas a lugares que son escenario dunha obra literaria, na compaña do propio autor ou por un estudoso na materia. As Rutas de Arquitectura desenvolveranse os domingos cun percorrido por lugares emblemáticos do Barroco galego, guiados por expertos nesta arte

Cartel das Rutas de Arquitectura 2020
Cartel das Rutas de Arquitectura 2020

A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de 'Re-Acción Cultural' con dúas novas propostas para coñecer a provincia a través dos Roteiros literarios e as Rutas de Arquitectura, que se levarán a cabo nos meses de setembro e outubro.

Estas actividades xorden da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Academia Galega de Belas Artes, respectivamente.

Os Roteiros constarán dun total de 12 percorridos comentados (seis literarios e seis de arquitectura), para os que se ofertarán 24 prazas en cada un deles e que se achegarán a 14 concellos da provincia.

 

ROTEIROS LITERARIOS

Os Roteiros literarios comezarán o 6 de setembro en Baiona, onde Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no solpor. Continuarán logo en Vilagarcía (13 de setembro) cun roteiro arredor de O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro; en Cerdedo-Cotobade (20 de setembro), coa ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Carlos Solla; o 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas; o 4 de outubro Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos. Os roteiros rematarán o 10 de outubro coa ruta guiada por Anselmo López Carreira sobre o Vigo Medieval. Todos estes roteiros serán os domingos en horario de mañá, de 11.30 a 13:00 horas.

 

RUTAS DE ARQUITECTURA

En canto ás Rutas de Arquitectura, nesta edición terán como eixo central o Barroco, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicado á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Neste caso, os paseos chegarán a todas as comarcas da provincia e serán os sábados en horario de mañá, entre as 10:00 e as 13:30 horas. Comezarán o 12 de setembro en escenarios barrocos de Pontevedra e Poio. A continuación, o 19 de setembro haberá unha ruta por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía e Cambados; o día 26 de setembro por Tui, onde se visitará a catedral, precisamente unha das obras de Domingo de Andrade, así como outros lugares en Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo, Nigrán e  Baiona; o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu e Cangas; e o día 17 finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín e A Estrada. Os traslados entre os diferentes puntos da visita farase en vehículos particulares.

 

MEDIDAS DE SEGURIDADE E INSCRICIÓNS

O desenvolvemento destas rutas, como subliñou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación das mesmas, estará guiado por un estrito protocolo "con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias" e, de feito, os desprazamentos aos lugares de partida deberán facerse por medios particulares. Así mesmo, é obrigado o uso de máscara.

As inscricións poden realizarse xa no enderezo electrónico [email protected], indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes, cun máximo de 4 por reserva, e un teléfono de contacto.