A Banda de Música Unión de Lantaño, unha das formacións máis prestixiosas e antigas de Galicia, actuará este próximo sábado 15 de febreiro no salón de actos do Centro da UNED en Pontevedra, situado en Monte Porreiro.
O concerto dará comezo ás 19.00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade do recinto.
A Banda Unión de Lantaño ten as súas orixes na última década do século XIX, grazas á iniciativa de Ricardo Candán Fernández, natural de Lantaño (Portas). Candán, coñecido como "O Candango", reuniu a un grupo de músicos que, aínda con escasa formación musical, sentaron as bases do que hoxe é unha das bandas máis recoñecidas de Galicia.
A súa historia está marcada por momentos destacados, como a creación da banda "Dos Vilas" a principios do século XX, que logrou o primeiro premio no concurso de Bandas de Santiago no ano 1912.
A rivalidade entre as bandas "Dos Vilas" e "Dos Pozas" marcou parte da historia musical de Lantaño, culminando coa unificación de ambas no ano 1939 baixo o nome de "Unión de Lantaño". Este momento histórico simbolizou a unión dun pobo a través da música e consolidou a banda como unha institución cultural de referencia.
A dirección da banda estivo durante 34 anos en mans de José Laguarta Gracia, quen a levou a ser recoñecida como unha das mellores bandas populares de Galicia.
Durante a súa etapa, interpretáronse obras de compositores universais como Beethoven, Wagner e Tchaikovsky, así como pezas de autores galegos.
A banda mantivo a súa actividade de forma ininterrompida durante máis dun século, superando dificultades como a emigración ou a competencia doutras formacións musicais.
No ano 2017, Alejandro García Pacheco asumiu a dirección, inxectando nova enerxía e mantendo o legado desta agrupación histórica do municipio de Portas.