Samantha Hudson presentará uns Feroz 2026 que se entregarán en Pontevedra o 24 de xaneiro

Pontevedra
10 de xullo 2025
Actualizado: 27 de novembro

Os Feroz dan o pistoletazo de saída para a súa edición de 2026. Fixérono desde Tenerife, onde anunciaron quen presentará a gala e cando volverán despregar a súa alfombra en Pontevedra

Samantha Hudson, María Guerra e Miguel Anxo Fernández Lores
Samantha Hudson, María Guerra e Miguel Anxo Fernández Lores / PontevedraViva

Os Premios Feroz xa teñen presentadora para a súa edición de 2026, que volverá celebrarse en Pontevedra. Trátase da actriz e cantante Samantha Hudson.

Así o anunciou este xoves a presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), María Guerra, acompañada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Foi durante a presentación oficial dos Feroz 2026, cuxos primeiros detalles se desvelaron no marco do festival Lo que viene, un evento de cine e series que se está desenvolvendo estes días en Tenerife.

"Me hace mucha ilusión porque son unos premios muy gamberros y canallas. Es mi medio natural", afirmou Samantha Hudson.

Por agora, explicou, "no sé lo que voy a hacer" na que, en todo caso, non será a súa primeira visita a Pontevedra, na que "he estado un par de veces antes de ser esta estrellona que está aquí sentada".

Samantha Hudson, con Miguel Anxo Fernández Lores e María Guerra
Samantha Hudson, con Miguel Anxo Fernández Lores e María GuerraPontevedraViva

A última vez foi en 2019, rememorou Hudson, "cuando era una guarra del inframundo que hacía cuatro bolos mal pagados". Entón, acompañada dunhas amigas, "tuve la suerte de visitar la ciudad".

"Estoy encantada de poder regresar", dixo a artista leonesa.

A outra gran incógnita, a data da gala na que os xornalistas e críticos cinematográficos premiarán ás mellores producións audiovisuais do ano, tamén se deu a coñecer xa.

O Recinto Feiral de Pontevedra despregará de novo a alfombra dos Feroz o sábado 24 de xaneiro.

Samantha Hudson, con Miguel Anxo Fernández Lores e María Guerra
Samantha Hudson, con Miguel Anxo Fernández Lores e María GuerraPontevedraViva

O alcalde recoñeceu estar "contentos" do éxito da edición pasada e afirmou que en Pontevedra "ocorren cada vez máis cousas e non é por casualidade", senón un traballo no que "levamos moitos anos".

A cultura, segundo Fernández Lores, "forma parte do ADN do noso modelo urbano". A este respecto, animou aos presentes a que acudan a Pontevedra "porque nos gusta que veñan a vernos".

Na edición de 2025, subliñou María Guerra, "batimos récords" con 1.112 invitados nunha gala "maravillosa" e pola que "nunca he recibido tantos parabienes en mi vida". Ata 290 xornalistas de 87 medios diferentes déronlle cobertura aos premios.

Ademais, Guerra destacou a "pulsión cultural importante" que atoparon en Pontevedra, onde houbo unha afluencia media do 90% nas 29 actividades previas á gala e que "volveremos a hacerlas en otoño".

"Estamos peinando la oferta", asegurou a responsable dos Premios Feroz, uns galardóns que "queremos que no sean solo una gala" porque o cinema e as series "son más que una alfombra roja".

Miguel Anxo Fernández Lores e María Guerra
Miguel Anxo Fernández Lores e María GuerraPontevedraViva

Con Samantha Hudson (León, 1999), os Feroz volven apostar pola diversidade, despois de que este ano xa puxesen a La Dani, unha persoa de xénero non binario, ao mando da cerimonia.

Iso si, non estará soa nestas lides e estará acompañada de máis persoas que se anunciarán en próximas datas.

Na súa décimo terceira edición, os Feroz estrearán un novo formato. Haberá catro presentadores, segundo detallou María Guerra, porque "queremos ver toda la diversidad de nuestro panorama".

"Vamos a ir anunciándolas poco a poco porque nos gusta el suspense", engadiu a presidenta da AICE, que destacou que estes premios están "en una adolescencia feroz pero muy sana".

Samantha Hudson, tras confirmarse como presentadora dos Feroz 2026
Samantha Hudson, tras confirmarse como presentadora dos Feroz 2026EFE - Alberto Valdés

Cantante, compositora, produtora, guionista e actriz, é unha das figuras máis emblemáticas da contracultura contemporánea, categoría que alcanzou grazas ao seu activismo crítico e vangardista e a unha traxectoria musical que xoga coas paradigmas do xénero.

Hudson é, sen dúbida, un dos grandes fenómenos da cultura pop na actualidade e un dos grandes referente da xeración Z, despois de emerxer do panorama queer máis underground e haberse convertido nunha artista transversal.

Ao longo da súa carreira editou dous discos, Liquidación total (2021) e Música para muñecas (2025), traballou en varias películas e series, entre elas Rainbow e Veneno, e participou en programas de televisión como ¿Sigues ahí? ou MasterChef Celebrity.

É ademais unha férrea defensora dos dereitos LGBTIQ+ e, recentemente, o seu reivindicativo e enérxico discurso no Orgullo de Madrid foi moi aplaudido.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en