Sanxenxo, Caldas e Cuntis viven entre o conto e a música co Festival Atlántica

Sanxenxo
02 de xullo 2025

Os tres municipios acollen desde este mércores 2 ata o 6 de xullo espectáculos de Simone Negrin, Oswaldo Pai, Pakolas e Pablísimo en espazos naturais e patrimoniais

Simone Negrin, Oswaldo Pai, Pakolas e Pablísimo
Simone Negrin, Oswaldo Pai, Pakolas e Pablísimo / Festival Atlántica

O XIII Festival Atlántica de narración oral chega con forza aos municipios de Caldas de Reis, Sanxenxo e Cuntis que contarán con escenarios para a palabra viva.

Baixo o leitmotiv da "memoria como amuleto protector", o festival espallará historias, música e poesía por espazos públicos, naturais e patrimoniais destes concellos entre o 2 e o 6 de xullo.

En Caldas de Reis, o festival arranca este mércores 2 de xullo ás 21.00 horas no Parque-Xardín Botánico do Malecón, coa actuación do narrador italo-galego Simone Negrin, que presentará "Fare le corna", un espectáculo que explora con humor e teatralidade as sorprendentes conexións culturais entre Galicia e Nápoles.

Negrin, baseándose na súa experiencia persoal, constrúe unha proposta que afonda na relación co infortunio, co máis alá e coa presenza dos mortos na vida cotiá, revelando similitudes inesperadas entre as dúas culturas.

O venres 4 de xullo, o mesmo espazo caldense acollerá ás 11.00 horas "Artiloxios", unha orixinal proposta do aragonés Oswaldo Pai que combina contacontos, poesía e dispositivos robóticos.

Este espectáculo, dirixido a público infantil a partir de 8 anos e adultos, transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor a través de máquinas caseiras como o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, que acompañan textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca ou María Elena Walsh.

En Sanxenxo, a programación comezará o xoves 3 de xullo ás 11.00 horas no CEIP A Florida co concerto "As máis molonas de Pakolas", un espectáculo cheo de enerxía no que o músico repasa os grandes éxitos da súa discografía infantil, mesturando música, narración e xogo.

Espectáculo de Pakolas
Espectáculo de PakolasConcello de A Lama

O venres 4 ás 21.30 horas, a Casa Mariñeira Don Fernando acollerá unha nova función de "Artiloxios" de Oswaldo Pai, aberta a público adulto e cativos maiores de 8 anos.

Cuntis súmase ao festival cunha proposta especial no máxico entorno do Castro de Castrolandín. O venres 4 de xullo ás 12.00 horas, Pablísimo presentará "Cavicibai", un espectáculo sobre rodas pensado para público a partir de 3 anos. A protagonista é unha bicicleta máxica e un Kamishibai, un teatriño xaponés de papel.

A programación nestes concellos forma parte do circuíto do Festival Atlántica, que este ano leva a narración oral a máis de 27 localidades galegas e portuguesas

O festival despedirase oficiosamente o domingo 6 de xullo ás 13.00 horas en Riobó (A Estrada) cun "Vermú de contos", unha sesión aberta onde diferentes artistas compartirán historias en galego, portugués e castelán, actividade que require inscrición previa no correo [email protected].