Semana de contos na Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra

Pontevedra
11 de decembro 2023

Este martes 12 vai presentarse o conto máxico de 'Klad, o loro pegatina', un libro solidario de axuda á loita contra o cancro infantil. O venres 15 chegará unha actuación da actriz pontevedresa Bea Campos, que contará divertidas historias de Nadal para o público infantil

Portada de 'Klad, el loro pegatina' Gemola

Durante os próximos días desenvólvense diversas actividades do Nadal na Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra.

Este martes 12 de decembro, a partir das 18.00 horas, está prevista a presentación do libro 'Klad, el loro pegatina'. Trátase dun conto máxico, tenro e cheo de cor das autoras Genma Pardo, Gemola, e EvaBlu. 

Este libro ten carácter solidario. A recadación que se obteña coa súa venda destinarase a diferentes entidades que axudan á loita contra o cancro infantil.

A entrada é libre e o acto está aberto a público infantil, xuvenil e adulto.

O venres 15, a actriz pontevedresa Bea Campos, a partir das 18.00 horas, ofrecerá divertidas historias do Nadal con acompañamento musicla para toda a familia. 

Este espectáculo gratuíto vai destinado especialmente a público infantil de máis de tres anos.

Ademais, desde a dirección da Biblioteca anuncian que entre o 26 de decembro e o 5 de xaneiro desenvolverase o Ludobiblio Cempés, un servizo aberto ao público para que as familias teñan a opción de deixar aos nenos e nenas con idades comprendidas entre catro e nove anos o tempo que precisen no recinto bibliotecariao entre as 10.00 e as 13.00 horas.

Desenvolveranse diversas actividades como animación á lectura, expresión plástica e propostas psicomotrices e movemento libre con xogos e diversos materiais.

O máximo de participantes é de 15 persoas ao mesmo tempo, coa opción de entrar e saír en calquera momento. A admisión realízase por orde de chegada.