A vindeira semana, entre o 17 e o 20 de xullo, as rúas de Pontevedra volverán acoller as actividades da Semana do Patrimonio Invisible.
Durante esas catro xornadas, o Concello oferta 366 prazas en 23 visitas guiadas para explorar os segredos mellor gardados da cidade.
Nesta quinta edición, a Concellaría de Memoria histórica apostou por dar a coñecer un total de 7 espazos, 4 deles completamente inéditos: a imprenta Peón, a farmacia J. L- Domínguez, o convento de San Francisco e o Café Moderno.
As visitas faranse en grupos reducidos, dun máximo de 15 persoas, buscando así garantir a calidade do discurso narrativo e a protección dos bens culturais.
Para poder reservar praza habilitarase o luns 14 a partir das 12 horas un formulario a través do sitio web do evento: www.patrimonioinvisible.gal. A fin de garantir a participación do maior número de persoas, cada solicitante poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas.
As visitas terán parada na imprenta Peón, fundada en 1876 e en funcionamento ata decembro de 2024. Foi unha as grandes imprentas históricas de Galicia. Na súa minerva Victoria, en 1939 imprimiuse Os Vellos non deben de namorarse de Castelao e contou coa primeira maquina de offset de Galicia, que aínda se conserva.
Tamén pararán na farmacia J. L- Domínguez (antiga Enrique Eiras Puig), un exemplo excepcional de botica que se mantivo practicamente intacta desde a súa inauguración en 1876, cos singulares estantes de estilo neogótico, numerosos frascos cerámicos orixinais de cerámica de Talavera e a orixinal pintura no teito, atribuída ao propio fundador Enrique Eiras Puig.
O convento de San Francisco será outra das paradas. Foi o cenobio máis importante da vila, xunto co de San Domingos, e lugar preferente de enterramento das familias nobres pontevedresas durante a Idade Media e Moderna. Acolle unha das máis importantes representacións de sartegos medievais de Galicia, entre os que destaca o do escritor e navegante Paio Gómez Chariño e a súa muller.
Outra parada será o Café Moderno Afundación Pontevedra, que constituíu un dos epicentros culturais na Pontevedra da primeira metade do século XX. Foi o lugar de encontro de galeguistas ilustres como Bóveda ou Castelao, e de pintores da talla de Carlos Sobrino ou Laxeiro. A exemplar restauración de Álvaro Siza logrou conservar intacto o espírito Art Nouveau do seu interior.
Estes catro espazos son novos na programación da Semana do Patrimonio Invisible e repetirán outros xa visitados en edicións anteriores como a Igrexa de San Bartolomeu; a Casa do Barón, Parador de Turismo; e a vella Casa Consistorial, recentemente rehabilitada.