Do parque de Tafisa á outra beira do Lérez, ata a Illa das Esculturas. É o cambio de localización que experimentará a terceira edición da Senda Festival, a proposta de música electrónica coa que arrancarán as Festas de Verán de Pontevedra.
"Do mesmo xeito que a música que nos fai bailar e gozar anos tras anos, Senda Festival evoluciona", sinalan os seus organizadores, entre eles o seu coordinador José González 'Malaguita'.
Por iso, seguindo a senda do río Lérez, "trasladámonos á Illa das Esculturas, un enclave idílico, rodeado de natureza para gozar do evento dunha maneira máis íntima e auténtica".
Na súa terceira edición, que se celebrará os días 5 e 6 de xullo, Senda Festival volverá reunir en dous días a unha selección de artistas multixénero, combinando o mellor da esfera underground internacional con auténticas xoias do talento nacional.
O festival, que é de carácter gratuíto, ofrecerá, entre outras, as actuacións do australiano Reflex Blue, do dúo británico Heels & Souls ou do colectivo madrileño Karne Kulture.
Ademais, visitarán Pontevedra nomes consagrados da escena nacional como Yahaira, Eder Crocket, Fontes-Guerra, Juanito Jones ou o dúo Two Ex; a canaria Emikoto, os pontevedreses JD Dislexia e Certain People.
"Queremos crear un espazo único e diverso no que o hedonismo, a experimentación e a natureza déanse a man baixo o paraugas unificador da música electrónica de baile", subliña a organización.