Bonnie Cooper é unha desas voces que non se esquecen. Soprano de enorme talento e sensibilidade, ten o don de encher cada espazo cunha emoción única, desas que se quedan flotando no aire e que tocan directamente a alma de quen escoita. A súa presenza nun escenario é magnética, pero o que de verdade a define é a súa capacidade de conectar coa xente desde a autenticidade e a paixón pola música. Bonnie non só canta, transmite vida, e a súa arte é un agasallo que Pontevedra ten a sorte de desfrutar. Todo isto compaxinado cun forte activismo social.
- Dime unha pregunta que non che gusta que che fagan.
Sobre Trump, son canadense non estadounidense.
- Como é a túa relación con Pontevedra?
Decidida. Cheguei por amor ao meu marido e quedei por amor a Pontevedra. Non teño raíces tampouco no meu país, Canadá, así que, se o meu marido as ten aquí, pois tómoas prestadas.
- Como te definirías?
Activista, artista…
- Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millenial?
Son millenial e identifícame plenamente con ela.
- Que características ten a túa xeración?
Creo que somos unha xeración traballadora que defende moito a colectividade.
- Que é o máis difícil de ensinar canto? Todos podemos cantar ben?
A coraxe necesaria para cantar enriba dun escenario. Todos podemos formar parte dun coro, cada voz é benvida e necesaria.
- Como conxugas música e compromiso social?
Nina Simone dinos que o traballo do artista é o de reflectir o espírito do seu tempo; por iso conxugar música e compromiso social non só non é difícil senón que é imprescindible.
- Que é a amizade?
É algo marabilloso que sucede cando dúas persoas conectan. Realmente é moi difícil atopar a un bo amigo de verdade.
- Se pudeses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?
Ao futuro. Só viaxaría ao pasado se puidese levar ao meu médico.
- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir?
Pois quero reamueblar a entrada. Necesito un moble no que haxa un espello e fotos arredor no que mirarme e á vez ver á miña familia.
- Dime unha canción que te emocione.
The lark ascending de Ralph Vaughan Williams.
- Frío ou calor?
Calor sempre. Os meus pais pensan que como aquí non hai neve non hai inverno (risas).
- Que hai despois da vida?
Pois un reino dos espíritos onde están todos os teus familiares e amigos.
- O último capricho que te deches?
Unha cristina de Solla.
- Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen?
Ao meu marido e ao meu fillo, pero en inglés.
- A quen che gustaría ver nesta sección?
A calquera persoa que defenda a comunidade palestina.
- E por último, que vas facer en canto acabe a entrevista?
Ir á Subdelegación do Goberno para ver se teño permiso para montar unha concentración por Palestina.
Para Bonnie, Pontevedra sabe a peixe, cheira a mar, é de cor terra e soa a unha fonte. Definitivamente, Bonnie Cooper sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
− Nunca saio de casa sen… pamela.
− Na miña neveira sempre hai… Estrella Galicia.
− No meu armario destacan… as brillantiñas.
− A idade é… atemporal.
− Sempre fun o ollo dereito de… creo que ninguén.
− Pontevedra ten alma de… comunidade.
− Creo na… dignidade da vida humana.
− O ano que marcou a miña vida foi… o que vén.
− O mellor agasallo que me poden facer é… diñeiro.
− O meu lugar no mundo é… ser como unha luz que guía.
− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Viena.
− O meu momento favorito do día é… o primeiro café da mañá e o último té da noite.
− Pontevedra… encántame!
