Hai persoas que non só marcan o ritmo coas súas mans, senón tamén coa súa maneira de estar no mundo. Luísa Sánchez chegou desde Xixón hai anos, pero quen a escoite falar de Pontevedra pensaría que naceu entre as súas rúas de pedra e o seu pulso tranquilo. Profesora no instituto A Xunqueira I e directora de varios coros entre os que destaca o do campus universitario de Pontevedra, no que dirixe ao que escribe, a súa vida transcorre entre voces que se entrelazan e partituras que buscan alma. Nela conviven a precisión do xesto e a calidez de quen sabe escoitar. Talvez por iso, a miña querida Pontevedra, á que tanto quero e que tantos bos agasallos nos fai, converteuna nunha das súas.
- Dime unha pregunta da que non gustes.
Ningunha.
- Como é a túa relación con Pontevedra?
Marabillosa. Cheguei con 24 anos aproximadamente, cando aprobei as oposicións e atopei unha cidade aberta, con xente encantadora que, ao ver unha rapaza tan nova, de fóra, axudáronme en todo o que puideron. Ata me axudaron a buscar onde aloxarme.
- Como te definirías?
Pouco pragmática, despistada e creativa.
- Onde te sitúas: xeración baby-boom, X ou millenial?
Pois non o teño nada claro, pero creo que son xeración X (risas).
- Cales dirías que son as características da túa xeración?
Fomos responsables por agradecemento. Somos fillos dunha xeración que non tivo nada. Tiñamos como obxectivo chegar á universidade. E puidémolo facer con grandes axudas. A maioría dos anos estudei con bolsas.
- Que vantaxes destacarías de dar formación musical aos nen@s?
Debería darse desde que nacen. Evidentemente non unha formación regrada sendo tan pequenos pero a música apréndese escoitando de todo tamén.
- E se tiveses que destacar algún, que valores cres que lles achega aos rapac@s na súa formación?
Moitísimos. Fan familia, gañan confianza en si mesmos... Os alumnos que xunto á formación académica obrigatoria reciben a musical adoitan ter mellores resultados académicos.
- Co coro de A Xunqueira ensaiades nos recreos, é difícil que o alumnado se comprometa a dedicar o seu tempo de lecer ao coro?
A palabra exacta é esa: compromiso. Téñoa escrita no encerado durante varios meses ao comezar cada curso. Ningún proxecto pode saír adiante sen compromiso.
- A nivel xeral, como valoras a situación actual do sistema educativo?
Un dos grandes problemas son as ratios. Non se atende igual a 30 alumnos que a 15. Por outra banda, a Administración ten a enorme sorte de que os profesionais suplimos todas as carencias que o sistema ten de recursos humanos e materiais. Se non dedicásemos todas as horas que facemos sen cobrar non funcionaría nada.
- Que é a amizade?
Unha sobremesa na que non tes que medir as palabras e que non queres que remate.
- Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro?
Ao pasado. Á Francia revolucionaria. Paréceme interesante ver como foi o inicio dese gran cambio na historia.
- Unha parte da túa casa que che apeteza intervir (léase reformar, (re)amoeblar...) por que?
Ningunha, acabo de pasar por unha reforma así que non me quedan ganas de máis.
- Dime unha canción que te emocione.
Moitas das que oio aos meus coros cando estou dirixindo. Todas teñen algún momento emocionante.
- Algunha vez quedaches en branco dirixindo o coro?
Moitísimas. Cantantes hai moitos e uns tápanse a outros pero director só hai un.
- Frío ou calor?
Calor.
- Que hai despois da vida?
Outra vida diferente.
- O último capricho que te deras?
Unha tarde de domingo sen facer absolutamente nada.
- Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen?
Hoxe ao meu fillo, aínda que son máis de abrazar.
- A quen che gustaría ver nesta sección?
A dúas mulleres, a Nanette Sánchez ou a Reyes, a directora do coro García Limeses.
- E por último, que vas facer en canto remate esta entrevista?
Dirixir o ensaio que temos agora.
Para Luísa, Pontevedra sabe a viño, cheira a mar, é de cor dourada e soa a gaita. Definitivamente, Luísa Sánchez sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
− Nunca saio da casa sen... esquecerme algo.
− Na miña neveira sempre hai... iogures.
− No meu armario destaca... que as portas sempre están abertas.
− A idade é... un número.
− Sempre fun o ollo dereito de... ninguén, aínda que tiven moita sorte.
− Pontevedra ten alma de... acollida.
− Creo en... a xeración dos meus fillos.
− O ano que marcou a miña vida foi... cando vin a Pontevedra.
− O mellor agasallo que me poden facer é... tempo.
− O meu lugar no mundo é... a miña casa.
− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en... Asturias.
− O meu momento favorito do día é... o almorzo do Domingo.
− Pontevedra... a luz.
