Sergio Pazos contaxiará humor este venres 3 no Centro Cultural Xaime Illa

Poio
01 de decembro 2021

A cita forma parte do ciclo ‘Risadas Contadas’, promovido pola concellería de Cultura de Poio. Vai desenvolverse a partir das 21.00 horas. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade do recinto

O actor e cómico Sergio Pazos
O actor e cómico Sergio Pazos / Concello de Poio

O actor e cómico galego Sergio Pazos será o protagonista do ciclo 'Risadas Contadas' este próximo venres 3 de decembro no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. O artista ourensán presentará o seu espectáculo 'Contaxiándonos con humor'.

Trátase da cuarta sesión dentro deste ciclo, que xa contou coas actuacións de Faia Díaz e Vero Río, ademais de Isabel Risco e Lois Pérez. 

Sergio Pazos iniciará o espectáculo a partir das 21.00 horas. A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do centro. Segundo a concellería de Cultura de Poio, esta actividade conta con todas as medidas de control sanitario.

Neste show, o actor ofrecerá ao público a súa visión cómica e chea de retranca sobre a situación que orixinou a chegada da pandemia da covid-19 á sociedade. Con optimismo e con sorpresas, Pazos ofrecerá  sketchs que lograron que, ao longo da súa carreira, obtivese un importante éxito de público.

'Risadas Contadas' finalizará a programación de Anota Cultura o vindeiro venres 10 de decembro coa actuación doutro humorista galego, Pedro Brandariz.