A choiva impediu, polo menos durante esta primeira fin de semana, que o certame de narradores Sete Falares puidese regresar ás rúas de Pontevedra. As catro primeiras sesións trasladáronse ao interior do Teatro Principal.
Unha sesión dedicada ao público infantil, a cargo dos organizadores do festival -Pavís Pavós-, foi a encargada de inaugurar esta edición ampliada de Sete Falares, que se celebrará na cidade ata o próximo 27 de xuño.
A xornada inaugural contou ademais coa participación da narradora Paula Carballeira.
Debido ao cambio de escenario ao Teatro Principal, tívose que restrinxir a asistencia do público. O aforo, en cumprimento das medidas sanitarias vixentes foi de 94 persoas.
Baixo teito celebraranse tamén as outras dúas sesións programadas para esta fin de semana, que protagonizarán Celso Fernández Sanmartín (sábado, 21:00 horas) e a parella formada por Marta Ortiz e Sofía Espiñeira (domingo, 21:00 horas).