A banda vallisoletana Siloé fixo historia este venres na Festa do Marisco do Grove, enchendo ata a última esquina o recinto do Corgo nunha noite que quedará gravada na memoria de moitos. A carpa de concertos xa estaba a rebordar media hora antes de que comezase o espectáculo, e cando os primeiros acordes soaron, o ambiente era simplemente espectacular.
A produtora calcula que arredor de 10.000 persoas se deron cita para ver a Siloé en directo, mentres que desde o Concello falan de máis de 5.000 asistentes, o que, en calquera caso, confirma que o concerto foi un auténtico éxito de público.
O alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, non ocultaba a súa satisfacción ao afirmar que "foi o segundo mellor venres da historia, só por detrás do de 2023, e daquela había ponte. Así que estamos máis que contentos".
E engadiu con entusiasmo que "o deste venres apenas o lembro eu no Grove, e hoxe parece que imos polo mesmo camiño".
Durante unha hora e media, Siloé conquistou ao público cun repertorio cheo de enerxía e emoción, interpretando os seus temas máis emblemáticos baixo a súa xa característica cruz sobre o escenario.
A conexión entre banda e público foi total: corearon cancións, bailaron sen parar e gozaron dunha posta en escena moi próxima.
Un dos momentos máis especiais da noite chegou cando Fito Robles, o vocalista, decidiu sorprender ao público desprazándose ata o outro extremo da carpa para cantar desde alí, facendo que os máis afastados tamén tivesen un momento único a carón do artista.

Siloé era un dos pratos fortes do cartel musical deste ano, e non defraudou. Ao contrario xa que superou todas as expectativas e converteu o recinto gastronómico nun auténtico festival indie rock ao aire libre.
Un éxito máis que suma puntos á aposta musical do Concello do Grove, que celebra xa dez anos con este formato de concertos na Festa do Marisco, consolidándose como un dos grandes atractivos do evento.
