'Símbolos do conflito' do fotógrafo Xulio Gil invita a reflexionar no Museo de Pontevedra

Pontevedra
03 de febreiro 2023

En 1988, Xulio Gil converteuse no primeiro fotógrafo contemporáneo en contar cunha exposición individual no Museo de Pontevedra. pasados 35 anos regresa con esta mostra que se poderá visitar desde este 2 de febreiro ata o 27 de marzo

Inauguración da exposición ‘Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil’
Inauguración da exposición ‘Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil’ / Deputación de Pontevedra

Xulio Gil convertíase no ano 1988 no primeiro fotógrafo contemporáneo que presentaba as súas obras nunha exposición individual do Museo de Pontevedra. Este 2 de febreiro, este fotógrafo vigués regresaba cunha nova mostra titulada 'Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil' con traballos realizados desde o ano 2000.

Gil define a mostra como un "libro de once poemas" con imaxes conceptuais que se desenvolven en series curtas. Este proxecto atópase comisariado polo fotógrafo e profesor Xosé Lois Gutiérrez Faílde con once series.

José Manuel Rey, director do Museo, afirma que este proxecto ofrece un "extraordinario dominio da cor e da composición arquitectónica" de Xulio Gil, coa combinación da percepción que as imaxes provocan nos sentidos e no aspecto intelectual que promoven os conceptos que se trasladan.

Xulio Gil naceu en Ourense no ano 1954 e reside en Vigo na actualidade. Matemático de profesión desenvolve desde mediados dos anos 70 unha notable carreira fotográfica influíndo na transformación da fotografía galega contemporánea coa idea de igualar a fotografía a outras especialidades artísticas.

Nos anos 80 converteuse no primeiro fotógrafo que obtiña o Premio Novos Valores da Deputación. Os seus retratos da colección 'Antropolóxicas' permitiron que se convertese no primeiro fotógrafo contemporáneo con exposición individual temporal en salas do Museo Provincial. 

No ano 2013 recibía o Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas. Co paso dos anos, este creador foi introducindo a imaxe en cor, organizou a produción a partir de series fotográficas e profundou en análises estéticas que se observan nos seus últimos traballos.