A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía abre a temporada cun concerto especial do Cuarteto Casals

O Salnés
15 de outubro 2025
Actualizado: 12:15

A Sociedade Filarmónica conta actualmente con máis de 350 socios, e a súa programación para esta tempada esténdese ata maio do ano que vén

Cuarteto Casals
Cuarteto Casals / Cuarteto Casals

A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía dá o pistoletazo de saída á súa tempada máis especial ata o momento xa que celebran o seu décimo aniversario, e fano por todo o alto cun concerto do prestixioso Cuarteto Casals.

A cita é este venres ás 20:30 horas no Auditorio Municipal, e a entrada será totalmente de balde, ata completar aforo.

O Cuarteto Casals, fundado en 1997 na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid, está composto por Abel Tomás (violín), Vera Martínez (violín), Cristina Cordero (viola) e Arnau Tomás (violonchelo).

Ao longo destes anos, o grupo consolidouse como un dos grandes referentes da música de cámara a nivel internacional, con actuacións en escenarios tan emblemáticos como o Carnegie Hall de Nova York, a Philharmonie de Berlín, a Philharmonie de París ou o Concertgebouw de Ámsterdam. En 2006 foron recoñecidos co Premio Nacional de Música do Ministerio de Cultura.

A crítica non escatima eloxios destacando a súa precisión técnica, a súa profunda expresividade e a capacidade de mergullarse nas partituras cunha sensibilidade única. Ao longo dos seus 27 anos de carreira, o Cuarteto Casals publicou unha ampla discografía co selo Harmonia Mundi, deixando pegada nas grandes obras da música clásica.

Este venres, no Auditorio Municipal, deleitarán ao públcio cunha selección de pezas mestras para cuarteto de Schubert e Shostakóvich. Unha oportunidade perfecta para deixarse levar pola maxia da música en directo.

A tempada continúa con seis concertos máis:

  • 20 de novembro: Orquestra Sinfónica de Galicia

  • 12 de decembro: Thomas Enhco

  • 28 de febreiro: Hera Park

  • 20 de marzo: Real Filharmonía de Galicia

  • 24 de abril: Alexis Cárdenas, Jorge Glem e Elvis Martínez

  • 29 de maio: Liza Ferschtman e Benjamin Hochman

A Sociedade Filarmónica conta actualmente con máis de 350 socios, e a súa programación para esta tempada esténdese ata maio do ano que vén.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, puxo en valor o traballo realizado nesta década, destacando a mestura de paixón, constancia e compromiso que permitiu traer ata Vilagarcía figuras destacadas do panorama clásico.