Organizado pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra, o vindeiro luns, día 2 de xuño, terá lugar no Teatro Principal, ás 20:30 horas, un concerto que estará a cargo da Sociedade Coral Polifónica.
Con este concerto, a Sociedade Filharmónica rende homenaxe á Coral Polifónica con motivo do centenario da súa fundación.
Dado o aforamento limitado do Teatro Principal, terán acceso a estes concertos as persoas socias da Sociedade Filharmónica e os familiares e achegados dos cantores da Coral Polifónica aos que a organización facilitou invitacións.
A vida destas dúas asociacións culturais centenarias correu paralela, e moitas das persoas que interviñeron na fundación da Polifónica deberían participar, catro anos antes, na posta en marcha da Sociedade Filharmónica: Antonio Iglesias Vilarelle, Antón Losada Diéguez, Antonio Blanco Porto, Claudio Losada Fernández ou José Blein Llinás, entre outros destacados nomes, figuran na lista de cantores e colaboradores dos primeiros anos de ambas as entidades.
No concerto do próximo luns, a coral pontevedresa, baixo a dirección de Nanette Sánchez Ordaz, ofrecerá un programa con obras do renacemento, música sacra, e cancións galegas harmonizadas para a Coral.
No intermedio do concerto, o presidente da Sociedade Filharmónica, Gonzalo Martínez, fará entrega ao presidente da Coral Polifónica, Xosé Carlos Valle, dunha placa conmemorativa deste acto tan emotivo.
Con este concerto, a Sociedade Filharmónica de Pontevedra clausura a súa tempada 2024/2025.
O inicio da próxima está previsto para o 13 de outubro a cargo Cuarteto Nel Cuore e o pianista Antonio Galera, que ofrecerán os Quintetos para piano e cuarteto de corda de Schumann e Brahms.