A compañía Pablo Méndez Performances conseguiu un rotundo éxito e unha grande expectación ante o seu novo espectáculo, "Nymeria", esgotando todas as entradas para a súa estrea o sábado 15 de novembro no Auditorio Sede Afundación Pontevedra.
Debido á gran demanda, a compañía decidiu establecer unha segunda función, que terá lugar o domingo 16 de novembro ás 18:00 horas, tamén no Auditorio de Afundación.
As localidades xa están dispoñibles e recoméndase adquirilas canto antes para non quedar sen butaca nesta extraordinaria proposta visual que terá unha duración de 70 minutos e está recomendada para todas as idades.
Para animar as familias a vivir esta aventura na tarde do domingo, a compañía ofrece un 20% de desconto exclusivo na compra de entradas ás que se pode acceder a través do banner de PontevedraViva.
"Nymeria" é unha proposta escénica inmersiva e sorprendente para todos os públicos.

Desde o comezo, a proposta conduce ao público a través dun transbordador espacial embarcados nunha emocionante viaxe intergaláctica, chea de maxia, emoción e descubrimento.
O espectáculo combina teatro visual, circo contemporáneo e tecnoloxía escénica avanzada, cunha coidada escenografía futurista, luces e efectos sorprendentes.
A participación do público, o humor e a emoción forman parte esencial dunha experiencia sensorial única que fascinará tanto a nenos como a adultos.