SondeSeu presentou 'Arraianos' nas Festas da Peregrina cun potente espectáculo

Pontevedra
14 de agosto 2018

O terceiro concerto das Festas da Peregrina 2018 levou a centos de persoas ata a praza de España, que puideron comprobar a calidade das interpretacións folclóricas da orquestra SondeSeu. Este martes, o cantautor Andrés Suárez actúa na Ferrería mentres que no escenario central celébrase un espectáculo de dj's

Concerto de Sondeseu
Concerto de Sondeseu / Diego Torrado

A Orquestra SondeSeu coa presenza de músicos da calidade de Xuacu Amieva, Luís Peixoto e Vanesa Muela ofreceu un espectáculo cheo de forza e sentimento no escenario da Praza de España no terceiro concerto masivo das Festas da Peregrina 2018. 

A música tradicional e folclórica mostrou a súa versión máis actualizada  á cargo dunha agrupación fundada no ano 2001 polo músico Rodrigo Romaní, ex integrante de Milladoiro. 

A primeira orquestra folk de Galicia presentou o seu traballo 'Arraianos', un traballo no que se recollen non só referencias á música popular de Galicia senón tamén as melodías e ritmos de Asturias, Portugal ou Castela-León. Cunha posta en escena coidada e potente, o público gozou das interpretacións destas pezas musicais.

Este martes, ás 22.30 horas, a praza de España contará cun espectáculo de  dj' s mentres que na Ferrería actuará, á mesma hora, o cantautor galego  Andrés Suárez.