'Sons de Outono' levará a música de fusión a pé de rúa

Pontevedra
11 de novembro 2023

A cita será os sábados 11, 18 e 25 de novembro e o sábado 2 de decembro ás 12:00 na Praza da Peregrina ou, no caso de choiva, no Palco da Música na Alameda

Inés Carreño, voz do grupo compostelano de jazz Red Tree
Inés Carreño, voz do grupo compostelano de jazz Red Tree

Tras a exitosa experiencia o ano pasado co 'Outono de Jazz', neste 2023 o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, en colaboración co Concello, presenta 'Sons de Outono'. Cambio de nome para un ciclo de música a pé de rúa que ademáis do jazz, ábrese a outros estilos como a bossa nova, o blues, o soul, o rock instrumental ou mesmo o hardcore.

'Sons de Outono' achegará as músicas de fusión á cidadanía no mediodía dos sábados coa idea de consolidarse no calendario musical de Pontevedra máis aló das programacións dos meses de verán.

A partires deste sábado 11 de novembro e durante catro sábados consecutivos, ofrecerá concertos de grupos emerxentes aínda que formados na súa maioría por músicos consolidados. 

A cita será os sábados 11, 18 e 25 de novembro e o sábado 2 de decembro ás 12:00 na Praza da Peregrina. No caso de choiva, os concertos trasladaranse ao Palco da Música na Alameda.

A presentación de 'Sons de Outono' tivo lugar este venres no Consistorio pontevedrés a cargo do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e Luis Carballo, coordinador do Seminario Permanente de Jazz.

RED TREE ABRE O CICLO

Abre este ciclo o sábado 11 de novembro o grupo compostelano de jazz, Red Tree, coa voz de Inés Carreño, o contrabaixo de Pablo Sanmamed e a guitarra de Marcos Pin. 

Xuntos dan vida a esas pezas do songbook norteamericano "que todos tarareamos algunha vez e recoñecemos na primeira escoita", indican dende a organización. "Standards e clásicos que nin pasan de moda nin desapercibidos neste trío".

PROGRAMACIÓN DE 'SONS DE OUTONO'

Sábado 11 de novembro 
RED TREE

Inés Carreño: voz 
Pablo Sanmamed: contrabaixo 
Marcos Pin: guitarra 

Sábado 18 de novembro 
TRIOGÈNESIS

Daniel Corral: piano 
Yudit Almeida: contrabaixo 
Brais Lorenzo: batería 

Sábado 25 de novembro 
SICIXIA QUARTET 

María Villanueva: voz e guitarra 
Javier Abraldes: guitarra 
Berto Rial: contrabaixo 
Luis Vivas: batería 

Sábado 2 de decembro 
DOWN UNDERGROUND

Robert Beade: guitarra
Santi Marsán: baixo eléctrico 
Manuel Bastón: batería