Sorpresas, novos espazos e moita narración oral refulxirán en Sete Falares 2026

Pontevedra
01 de xuño 2026

O festival reconfigura os seus escenarios pola caída do teito do Teatro Principal e estenderá a palabra dende o Pazo da Cultura ata a Residencia de Maiores de Campolongo

Presentación de Sete Falares 2026
Presentación de Sete Falares 2026 / Antía Quinteiro García

O certame, que se celebrará entre o domingo 7 e o domingo 14 de xuño, foi presentado polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, xunto a Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso, integrantes do colectivo Pavís Pavós, artífices da programación.

Nesta ocasión, a cita destaca pola incorporación de novos espazos e de narradores que visitan a Boa Vila por primeira vez.

Durante a presentación institucional, Demetrio Gómez reivindicou o valor intrínseco de contar historias. Segundo explicou o concelleiro, este encontro supón unha oportunidade idónea para o público: "Ten que vir nesta altura os Sete Falares para disfrutar a tope da festa da palabra. A narrativa oral non é menor. É a primeira arte".

O concelleiro destacaba o labor de Pavís Pavós por deseñar un programa que se mantén como un espazo de referencia fundamental e subliñou que o evento achegará "sotaques" diversos, con acentos procedentes de Portugal, do territorio estatal e de máis alá do Atlántico.

Pola súa banda, Xacobe Rodríguez lembrou a traxectoria que o festival mantén viva desde o ano 2012, un camiño polo que pasaron relatores de América, Asia, África e Europa. Nesta edición, as voces procederán de Galicia, Madrid, Cuba, o Brasil e as illas Azores.

Rodríguez sinalou que o obxectivo é ofrecer unha perspectiva variada co uso de localizacións tanto interiores coma exteriores, o que permite aos contadores e ao público, chegado de toda a comarca e de zonas máis afastadas, descubrir lugares emblemáticos de Pontevedra dun xeito diferente.

Este ano, a organización tivo que reaxustar as localizacións habituais debido á caída do teito do Teatro Principal. Lonxe de frear a actividade, este contratempo motivou unha reorganización que fará que durante a vindeira semana a cidade "cheire a contos e historias", en verbas dos promotores.

Como novidade engadida, o evento cadra coa asemblea xeral da Asociación de Narración Oral Galega (NOGA), cuxos membros participarán nestas xornadas.

Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez na presentación de Sete Falares
Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez na presentación de Sete FalaresAntía Quinteiro García

A programación, dirixida exclusivamente ao público adulto, artéllase a través dun percorrido diario por diferentes escenarios pontevedreses:

  • Domingo 7 (20:30 h): O Auditorio do Pazo da Cultura acollerá a inauguración coa peza teatral Apaga o candil, da compañía Contraproducións. Trátase dunha obra dirixida por Cándido Pazó e protagonizada por Avelino González e Toni Salgado que homenaxea ao folclorista e activista social Carlos Díaz 'O Xestal'. Esta será a única función de pago de todo o ciclo, e as entradas estarán á venda a partir do 2 de xuño na plataforma Ataquilla.

  • Luns 8 (18:30 h): A actividade trasládase á Residencia de Maiores de Campolongo da man de Celso Fernández Sanmartín, unha figura senlleira do relato galego. A elección do lugar liga coa propia traxectoria do autor, segundo relataba Tareixa Alonso: "Celso antes de ser contador de historias e poeta, traballaba nunha residencia de maiores en Lalín. Alí escoitando os residentes decatouse da importancia das historias".

  • Martes 9: Tras a asemblea interna de NOGA pola tarde na Casa das Campás (restrinxida a asociados), o actor e director Carlos Rebolo ofrecerá unha sesión de humor baseada na súa propia biografía ás 20:30 h no cruceiro de Santa María. Rebolo, que exercía nunha xestoría administrativa, mudou o seu rumbo profesional en 2018 ao se cruzar os contos no seu camiño.

  • Mércores 10 (20:30 h): Os xardíns de Marescot recibirán a Ángeles Goás, unha das representantes da nova fornada de narradores galegos, caracterizada pola súa capacidade para escoitar e transformar en relatos todo aquilo que lle chega ao oído.

Ángeles Goás
Ángeles GoásXunta de Galicia

A segunda metade da semana abrirá as portas os convidados internacionais e a propostas colectivas:

  • Xoves 11: O paraninfo do IES Valle Inclán acollerá ás 18:30 h ao colectivo madrileño Borrón y cuenta nueva, con experiencia no eido da narración e os obradoiros formativos dende 1997. Máis tarde, ás 20:30 h, o salón de actos da Residencia de Campolongo será o escenario da función De tres en tres, que xuntará á brasileira Benita Prieto, ao portugués Valter Peres e á galega Cris de Caldas, cuxa vocación como bibliotecaria e contadora espertou grazas á relación coa súa avoa Carmela. 

  • Venres 12: Benita Prieto, actriz, escritora e pioneira da narración no Brasil, actuará en solitario no paraninfo do IES Valle Inclán ás 18:30 h. Ás 20:30 h, Campolongo recibirá o espectáculo De dous en dous, que unirá a Borrón y cuenta nueva co cubano Aldo Méndez, creador cuxos contos respiran o ambiente da súa Cuba natal e que conta na súa traxectoria cunha nominación aos premios Grammy Latinos.

  • Sábado 13: O azoriano Valter Peres, coñecido polo seu xogo coa musicalidade insular e o humor, intervirá ás 18:30 h. na Casa da Luz.

O sábado pola noite producirase un dos momentos máis agardados coa celebración do Vieiro de historias. A partir das 21:00 h, organizaranse catro quendas graduadas (21:00, 21:20, 21:40 e 22:00 h) integradas por grupos de 50 persoas para realizar itinerarios a pé polos recunchos da cidade.

Os emprazamentos concretos non se farán públicos con antelación. As rutas partirán dende a sede oficial do Concello de Pontevedra (Michelena, 30).

Aínda que o acceso é de balde, as invitacións deberán retirarse no propio edificio municipal a partir das 20:30 h. do mesmo sábado para calquera das rutas. Nestes traxectos intervirán de xeito conxunto Pavís Pavós, Benita Prieto, Valter Peres, Cris de Caldas, Borrón y cuenta nueva e Aldo Méndez.

O festival rematará o domingo 14 cun encontro con Aldo Méndez no Liceo Casino ás 13:00 horas e a gran Gala de Clausura ás 21:00 h. no salón de actos do Pazo da Cultura.

A entrada para a Clausura será libre ata completar a capacidade do auditorio, onde todos os narradores internacionais e locais que participaron nesta edición se despedirán do público cunha contada.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora