"Superprodución galega" para homenaxear a Castelao este sábado no Principal con Os de Algures

Pontevedra
16 de decembro 2016

"Pintando traxes, tecendo harmonías" é un espectáculo que se representa este sábado 17 a partir das 20.30 horas no Teatro Principal no que se poderán ver máis de 400 pezas de roupa distintas relacionadas coa obra do autor de Rianxo

Presentación de 'Pintando traxes, tecendo harmonías' de Os de Algures
Presentación de 'Pintando traxes, tecendo harmonías' de Os de Algures / Mónica Patxot
Os datos do desfile-musical 'Pintando traxes, tecendo harmonías' /

A agrupación pontevedresa Os de Algures dá un paso máis no seu traballo de promoción da música e dos traxes tradicionais galegos. Nesta ocasión, achégase á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a través do espectáculo 'Pintando traxes, tecendo harmonías', no que se representa un desfile-musical con máis de catrocentas pezas de roupa empregadas en traballos e obras do autor de Rianxo.

José Luis Rodríguez e David Quiñones, responsables da agrupación, presentaban acompañados polo deputado de Cultura, Xosé Leal e pola concelleira Anxos Riveiro o evento que se desenvolverá este sábado no Teatro Principal a partir das 20.30 horas con entrada libre ata completar aforo

Neste espectáculo van amosarse 17 traxes que reproducen con precisión os recollidos por Castelao nas súas acuarelas, nos seus debuxos e na obra Os vellos non deben de namorarse

45 persoas participarán nesta cita cultural coa colaboración de integrantes da Aula municipal de Teatro de Pontevedra, a Agrupación folclórica Celme e tamén con figurantes de Soalleira de Dorrón. Van representarse dúas escenas da obra teatral de Castelao e se desenvolverá unha pasarela amosando as vestimentas tradicionais  a través de seis cadros onde se amosarán as conexións entre o galeguista e os músicos durante o tempo que pasou na vila do Lérez. "Castelao estivo en contacto con xente que vestía así", afirmaba José Luis Rodríguez, sinalando os traxes que eles mesmos portaban durante a presentación do acto. 

Xosé Leal destacou que con este acto, que é unha "superprodución galega" e coa Gala Ano Castelao do domingo no Pazo da Cultura péchanse as actividades desta celebración cun "gran remate".