Toda a Illa das Esculturas saltará sen parar co primeiro dos concertos que a organización do festival Surfing the Lérez confirmou para a súa edición de 2025 que, como xa se anunciara hai meses, celebrarase os días 5 e 6 de xuño.
King África, coñecido polo éxito mundial da canción 'Bomba' é o primeiro artista que subirá ao escenario do festival, segundo anunciaron a través das súas redes sociais.
Autodenominado como "o último rei do verán" e ataviado co seu inseparable gorrito tricolor e a súa rechamante túnica, a música de King África converteuse cos anos en imprescindible en calquera verbena que se prece.
Hai xa vinte anos que arrasou coa súa popular canción, que lle axudou a que o seu disco 'Pachanga' chegara a estar nomeado fai 20 anos aos prestixiosos premios Billboard polo seu disco.
Despois chegaron temas que tamén soaron en pistas de baile e festas populares de todo o mundo como 'El camaleón', 'Salta' ou a súa versión de 'Paquito el chocolatero'.
A súa última canción, titulada 'Mari Loli', editouna en 2024 xunto con Los Inhumanos.
Este concerto, que seguro que non deixará indiferente a ninguén, é a primeira confirmación para o festival pontevedrés, que este ano tivo que adiantar as súas datas tradicionais pola celebración en Pontevedra do Mundial Multideporte de tríatlon.
Nas próximas semanas haberá novos anuncios e coñeceremos máis detalles da nova edición de Surfing the Lérez, que volverá converter a Illa das Esculturas nunha romaría popular.