Surfing the Lérez xa ten cartel: Lucy and the Rats, Los Deltonos, Bala, Pájaro, Malandrómeda e moitos máis

Pontevedra
29 de abril 2017

Case por sorpresa o festival Surfing the Lérez desvelou o cartel da súa sétima edición, que se celebrará o vindeiro sábado 17 de xuño na Illa das Esculturas de Pontevedra. Os seus organizadores aproveitaron a celebración na cidade do Galegote Rock para dar a coñecer o nome das trece bandas que se subirán este ano aos seus dous escenarios

Surfing the Lérez
Surfing the Lérez / Diego Torrado

Case por sorpresa o festival Surfing the Lérez desvelou o cartel da súa sétima edición, que se celebrará o vindeiro sábado 17 de xuño na Illa das Esculturas de Pontevedra.

Os seus organizadores aproveitaron a celebración na cidade do Galegote Rock para dar a coñecer o nome das trece bandas que se subirán este ano aos seus dous escenarios.

Os cabezas de cartel serán Lucy and the Rats, a banda de rock fincada en Londres e liderada pola australiana Lucy Spazzy; Los Deltonos, un dos grupos de referencia do rock español, ou os galegos Malandrómeda, que farán bailar ao público co seu hip hop electrónico.

Os cataláns Tiki Phantoms, o dúo aragonés Los Bengala, a banda de rock viguesa The Soul Jacket e o grupo Monrovia tamén actuarán neste Surfing the Lérez.

Todas elas sumaranse ás bandas xa anunciadas previamente como Pájaro, Los Vinagres e os galegos Bala, Dois, Os Amigos dos Músicos e Glitter&Litter.

O festival, como é habitual, será de entrada gratuíta. Iso si, volverá ter unha vertente solidaria coa tradicional recollida de alimentos para a Rede Axuda.

Ademais, os seus organizadores ultiman unha ampla programación de actividades paralelas e haberá un mercadiño artesanal e numerosas opcións gastronómicas.