Soutomaior xa ten cartel para os seus concertos deste 'Verán 2026'.
A proposta, gratuíta e diversa, reunirá música galega e internacional o día 10 de xullo no Peirao de Arcade, a partir das 20:30 horas.
O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Xuventude, Gonzalo Outeiro, presentaron este venres unha programación que volve apostar por un formato intergeneracional.
Lourenzo convidou a reservar a data no calendario e destacou que o Peirao de Arcade será "o epicentro dunha tarde-noite inesquecible" con grupos de referencia.
Entre os nomes máis destacados figura De Ninghures, unha banda galega que mestura ritmos e sons de raíz con influencias doutros pobos ibéricos, latinoamericanos e magrebís, e que se converteu nunha referencia no panorama musical galego.
Tamén estará 9Louro, un proxecto emerxente, tamén galego, que combina pop urbano, trap e música electrónica.
O prato forte chegará con Talco, banda italiana de ska e punk con proxección internacional, recoñecida en Europa polo seu son contundente, a presenza de ventos e letras reivindicativas.
A Duendeneta acompañará a velada durante toda a tarde-noite.