Tanxugueiras, Antía Ameixeiras, Su Garrido, Zeltia Irevire, Sheila Patricia e MJ Pérez nos concertos abordo do Revenidas

O Salnés
29 de agosto 2023

O festival Revenidas completa definitivamente á súa programación dando a coñecer as tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra

O Chasula, o único barco de madeira que se dedica ao turismo mariñeiro nas Rías Baixas
O Chasula, o único barco de madeira que se dedica ao turismo mariñeiro nas Rías Baixas / Xunta de Galicia

O festival Revenidas completa definitivamente a súa programación dando a coñecer as tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle en colaboración con Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.

A primeira delas celebrarase a partir das 17 horas do xoves 7 de setembro. O músico, escritor e divulgador Xurxo Souto será o encargado de guiar e poñer banda sonora ao roteiro Redescubre Vilaxoán. O itinerario partirá dende o centro sociocultural de Vilaxoán e percorrerá os principais lugares de interese histórico, artístico e etnográfico da vila mariñeira. A participación no roteiro é de balde pero require dunha inscrición previa en www.revenidas.com.

Outras das actividades emblemáticas do Revenidas son os concertos a bordo. Pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do Chasula navegando pola ría de Arousa.

A programación dos conciertos a bordo desta edición é 100% feminina. O sábado 9 haberá concertos de Zeltia Irevire (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 h), Sheila Patricia (15 h) e Antía Ameixeiras (17 h). Os concertos a bordo do domingo 10 correrán por conta de MJ Pérez (13 h), Su Garrido (15 h) e Tanxugueiras (17 h).

O prezo das entradas para os concertos a bordo é de 30 euros (+ gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía.

A venda de entradas para os concertos a bordo e a inscrición para roteiro con Xurxo Souto estarán activas dende as 12.00 horas do venres 1 de setembro.

SARDIÑADA

Sempre se conta, porque esa é a realidade, que o festival Revenidas naceu a partir da sardiñada popular que cada ano se celebraba en Vilaxoán. Non é por tanto de estrañar que esta actividade siga a ser considerada como o epicentro do festival.

A sardiñada Revenidas-Turismo Rías Baixas desta edición terá lugar o domingo 10 no parque de dona Concha e con entrada libre. A partir das 13:30 horas poderanse degustar as que posiblemente son as mellores sardiñas do mundo.

Os Terribles de Arousa e Louband Street Band animarán as rúas e a contorna do parque xa dende o mediodía, nunha xornada na que tamén actuarán Uxía Lambona e a Banda Molona, na que terá lugar a Gala de Circo Solidaria, unha sesión de La Yaya DJ e o concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria que clausurará o festival.

A asistencia a todas as actividades do domingo é de balde.