Coa boca aberta. Así deixou a todos Tanxugueiras co seu novo traballo. Midas, unha canción na que este trío explora sons da música urbana, revolucionou a propios e estraños, que aplaudiron de forma unánime esta arriscada aposta musical.
Nela, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro libéranse tanto da pandeireta como das estruturas de anteriores temas para outorgar un maior protagonismo ás súas voces.
Fano como un punto de inflexión na súa carreira, no que fusionan a música de corte tradicional con sonoridades e estilos máis modernos, próximos ao trap e á electrónica, pero sen perder o contacto coa súa orixe e cos ritmos que marcaron a súa traxectoria.
Midas, editada por Calaverita Records e PlayPlan Cultural, e que está xa dispoñible en todas as plataformas dixitais, conta cun vídeo marcado polos acenos de identidade das cantareiras e o baile tradicional galego, creado por unha produtora de Marín.
Trece Amarillo, que xa había traballo con Tanxugueiras en varias ocasións -entre elas para o videoclip da canción Perfidia, gravado en Pontevedra e que foi finalista nos Premios Mestre Mateo- púxose á fronte desta nova peza audiovisual.
O videoclip rodouse a mediados de xaneiro na nave que a empresa Global Setup ten en Caldas de Reis, segundo explica Diego Santaclara, responsable da produtora. El foi, xunto co seu compañeiro Diego M. Barcia, o seu director.
Desde que lles chegou o proxecto, tiveron moita liberdade para crear o videoclip. "Tiñan claro que querían introducir ouro, porque a canción chámase Midas, e que houbera baile tradicional", explica Santaclara. "En base a iso fomos achegando ideas e propoñendo cousas".
Iso si, "ao final sempre pasas cousas e vas improvisando". Unha das maiores dificultades chegou coa choiva, que obrigou a readaptar a historia "e gravar en interiores", cando estaba previsto facelo ao aire libre. "Tiñamos algo pensado, pero foi complicado cambiar", recoñece Diego.
O resultado, en todo caso, foi un videoclip "moderno e moi rompedor" no que colaboran, entre outros, os bailaríns Fran Sieira, Xisco Feijóo e Artur Puga.
Entre os próximos traballos desta produtora hai, sen dúbida, un proxecto prioritario. O documental Devolvendo o golpe, sobre a figura do boxeador Aarón González. "Estamos xa na recta final da edición", asegura Diego Santaclara.
Se nada se torce a estrea deste documental, dirixido polo tamén marinense Carlos Prado, está previsto para a próxima primavera.