Tras o éxito que acadaron no recente Benidorm Fest, onde se situaron como as favoritas do público para representar a España en Eurovisión, as Tanxugueiras volven á súa terra. E unha das primeiras actuacións que confirman será en Bueu.
O trío de pandereteiras estarán no SonRías Baixas 2022, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto. O festival prevé recuperar o seu gran formato, interrompido pola pandemia.
Tanxugueiras súmase deste xeito a un cartel no que xa estaban Kase.O, Rayden, Jazz Magnetism, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos e García Mc & Nación Quilombo.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro chegarán a Bueu avaladas por éxitos como Midas e Figa, así como Averno, a súa colaboración con Rayden; ou Terra, o tema co que competiron no Benidorm Fest e que acumula xa más de once millóns de escoitas nas plataformas dixitais.
Todo formará parte do seu novo disco, que verá a luz neste 2022 e co que presentarán un potentísimo show: a xira Midas.
Nas vindeiras semanas a organización do SonRías Baixas 2022 anunciará novos nomes de artistas que participarán nesta edición, que pretende ser de novo unha grande festa da música en directo e un polo de atracción turística e de dinamización socioeconómica no territorio.
As entradas do SonRías Baixas 2022 xa están á venda a través da páxina web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info, por un prezo de 45 euros máis gastos de xestión.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.