Tempus Trío, un conxunto formado pola violinista Maria Tió, o violonchelista Ferran Bardolet e o pianista Ricard Rovirosa, darán un concerto o vindeiro luns, 7 de novembro, ás oito e media da tarde no Teatro Principal, organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra.
Interpretarán composicións de Beethoven, concretamente o "Trío para violín, violoncelo e piano nº 1 no mi bemol maior, op. 1 nº 1" e de Schubert "Trío para violín, violoncelo e piano nº 2 no mi bemol maior, op. 100 D 929".
Fundado en 2018, o Tempus Trio, a pesar da súa breve traxectoria, foi xa recoñecido por crítica e público como un dos máis prometedores da súa xeración, cultivando importantes éxitos en diferentes concursos e certames internacionais, entre os que destacan o Primeiro Premio do Concurso Internacional de Música “Grand Prize Virtuoso” 2019 en Bruxelas, a Medalla de Platino (Primeiro Premio) da “WPTA Singapore International Music Competition 2019” e a Medalla de Prata do “2nd Vienna International Competition 2020”, na especialidade de música de cámara.
Esta tempada foron seleccionados para ser grupo residente da Asociación de Intérpretes de España (AIE). O trío fará unha xira de concertos por todo o estado español co programa “Clásicos en Ruta”. Na actualidade, o Tempus Trio cursa un Máster en Música de Cámara na prestixiosa Universidade Mozarteum de Salzburgo co Profesor Cibrán Sierra Vázquez, violinista do Cuarteto Quiroga.
Maria, Ferran e Ricard son tres músicos que, individualmente, formáronse nas mellores institucións musicais con grandes profesores como Joan Havill (Guildhall School of Music and Drama), Albert Atenelle (Trio Barcelona), Beira Martínez Mehner (Cuarteto Casals) e Natalia Shakhovskaya (Escola Superior de Música Raíña Sofía). A súa traxectoria individual foi igualmente recoñecida con múltiples premios en concursos nacionais e internacionais e acumulan xa unha dilatada experiencia concertística, actuando en importantes salas de concertos de Europa, Asia e América, en xiras que recibiron o aplauso de público e crítica e a atención de grandes medios de comunicación audiovisuais.
María Tió: Grao Superior de Música pola ESMUC de Barcelona. Bachelor of Arts, Violine Konzertfach; Master of Arts, Violine Konzertfach; e Master of Arts, Kammermusik Klaviertrio pola Universität Mozarteum de Salzburg. Concertino da Philharmonie Salzburg e artista residente da Yehudi Menuhin Foundation of Brussels.
Ferrán Bardolet: Grao Superior de Música pola ESMUC de Barcelona. Cursos avanzados na Escola Reina Sofía de Madrid. Master of Chamber Music pola Hochschule Hannover e Master of Arts pola Kammermusik Klaviertrio da Universität Mozarteum de Salzburg. Primeiro cello da Salzburg Chamber Soloists. Primeiro Premio no X Concurso Nacional Ciudad de Xàtiva.
Ricard Rovirosa: Bachelor of Music (HONS) Piano Performance; Master of Performance, Guildhall Artist; e Doutor of Music, Piano Performance pola Guildhall School of Music and Drama de Londres (GSMD); e Master of Arts, Kammermusik Klaviertrio pola Universität Mozarteum de Salzburg. Primeiro Premio Oxford Music Festival.