Terra Calda achega a obra de Alfonxo X arredor da Cantiga de Caldas

Umia
18 de xuño 2025

Un ciclo de dúas conferencias explorará a presenza da vila termal nas Cantigas de Santa María, con especial atención á "Cantiga de Caldas" e aos estudos de Filgueira Valverde

Detalle do Libro de xadrez, dados e táboas de Alfonso X o Sabio. S.XIII
Detalle do Libro de xadrez, dados e táboas de Alfonso X o Sabio. S.XIII

A Igrexa Parroquial de Santa María de Caldas acollerá os próximos xoves 19 e 26 de xuño un ciclo de conferencias que busca redescubrir os vínculos históricos entre a vila termal e as célebres Cantigas de Santa María, obra cumio da lírica medieval galego-portuguesa atribuída a Afonso X o Sabio.

Organizado pola asociación cultural Terra Calda, o ciclo pretende poñer en valor o legado cultural, artístico e espiritual que conecta Caldas de Reis con esta obra medieval, escollendo como escenario un espazo directamente relacionado cunha das cantigas recollidas no Códice Rico.

A primeira das conferencias, programada para o xoves 19 de xuño ás 20:30 horas, correrá a cargo do investigador Germán Torres Aboal, especialista en cultura galega. Baixo o título "Filgueira Valverde e Santa María de Caldas", Torres Aboal afondará na relación do intelectual pontevedrés coa igrexa de Santa María e no seu estudo sobre a Cantiga 104 do Códice Rico, analizando o valor simbólico e devocional desta peza no contexto local.

A segunda xornada, prevista para o xoves 26 de xuño á mesma hora, contará coa presenza do musicólogo Miguel Ángel López Fariña, exdirector do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

A súa intervención, titulada "As Cantigas de Santa María no Camiño de Santiago", ofrecerá unha visión ampla da relación de Afonso X co Camiño, desde as terras francesas ata Compostela, destacando o papel de Caldas como punto de paso e afondando na coñecida "Cantiga de Caldas".

Esta segunda conferencia incluirá ademais unha mostra sonora con exemplos de melodías e reproducións de instrumentos medievais presentes nos códices alfonsís, aproveitando a experiencia do relator como intérprete no Grupo de música antiga Martín Códax.

A entrada a ambas conferencias será libre ata completar a capacidade dispoñible, segundo informou a organización, que destaca esta iniciativa como "unha nova aposta polo patrimonio cultural galego, conectando o pasado medieval coa sensibilidade do presente".