Levan máis de medio século enriba dos escenarios e iso nótase. Os estadounidenses The Sonics ofreceron en Pontevedra un recital cargado da súa historia musical para deleitar aos seus seguidores máis fieis.
The Sonics inaugurou o ciclo Imperdibles nun Pazo da Cultura que pese ás expectativas non chegou á media entrada. Iso si, os que asistiron gozaron cos norteamericanos, terminando moitos deles de pé ante o escenario do auditorio pontevedrés.
A deste venres foi a terceira visita de The Sonics a Galicia trala súa volta aos escenarios, logo de pasar previamente por festivales como o Cultura Quente ou o PortAmérica, que tamén xestiona a promotora de Imperdibles, Esmerarte.
A banda viguesa The Soul Jacket foi a encargada de quentar o ambiente teloneando aos estadounidenses.
A próxima cita de Imperdibles terá acento local, pois será a presentación do primeiro traballo dos pontevedreses Furious Monkey House, o vindeiro domingo 25 de outubro.