Touriñán, Pancho Varona e o Mago Paco, nunha nova edición de 'Sanxenxo no foco'

Sanxenxo
28 de febreiro 2025

Será, segundo a edil de Cultura, Elena Torres, unha proposta "enriquecedora e accesible" para todos os públicos, a través de espectáculos de música, teatro, danza, cine ou actividades educativas

Pancho Varona
Pancho Varona / PontevedraViva

O auditorio Emilia Pardo Bazán acollerá, a partir o próximo 16 de marzo, unha nova edición da programación cultural que, baixo o nome de 'Sanxenxo no foco', impulsa o Concello.

Será, segundo a edil de Cultura, Elena Torres, unha proposta "enriquecedora e accesible" para todos os públicos, a través de eventos artísticos de calidade que incluirán música, teatro, danza, cine e actividades educativas.

"Buscamos ofrecer un contido diferente e achegar distintos tipos de propostas culturais a Sanxenxo", sinalou Torres.

A programación irase dando coñecer trimestralmente e arrancará o vindeiro domingo 16 de marzo, ás 17:30 horas coa obra musical infantil e familiar, Os Tres porquiños, incluída dentro do Circuíto + Escénicas da Deputación de Pontevedra.

Os tres porquiños é un espectáculo teatral para os máis pequenos e pequenas con marionetas, teatro, xogos tradicionais e música en directo. Unha proposta coidada e visual a partir dun dos contos tradicionais máis coñecidos da literatura infantil.

Elena Torres presenta la nueva edición de 'Sanxenxo no foco'
Elena Torres presenta a nova edición de 'Sanxenxo no foco'Concello de Sanxenxo

O 29 de marzo, ás 17:30 horas, o Mago Paco toma o relevo cunha obra musical e infantil onde encarna a figura de presentador do prestixioso programa "Xoga e Maxia" onde a través de probas, os participantes competirán para levar ás súas casas algún agasallo.

Realidade ou ficción? Un concurso único, dotado de premios imposibles onde non existen gañadores nin gañadoras, senon participantes que non saberán a que proba terán que enfrontarse para tentar levar un agasallo.

O 13 abril, Sonsgalia ofrecerá un concerto ás 18:00 horas con versións de música celta, bandas sonoras, pop, rock e jazz. Sutileza nos arranxos, virtuosismo na interpretación e unha coidada estética son os seus sinais de identidade.

O actor Xosé A. Touriñán, presentará o 25 de abril, ás 21:00 horas, o seu monólogo Aquí tou!!, no que fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán até un posible epitafio co que moitos sentirán identificados.

Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida.

O 10 de maio, ás 18:00 horas, será a quenda de Os contos de Lobicán, unha obra de teatro adaptación do libro do mesmo título escrito pola veciña de Sanxenxo Eva Mejuto, gañadora do XV Premio Barriga Verde 2002.

Por último, o 24 de maio, o auditorio acollerá ás 21:00 horas un concerto de Pancho Varona, guitarrista e compositor español coñecido por acompañar desde principios dos anos 80 ao cantautor Joaquín Sabina.