Trece salas da provincia acollerán ata outubro os concertos do programa Directos Xacobeo'21

Bueu
04 de agosto 2020

A Xunta presenta no Grove a iniciativa que forma parte do Plan autonómico de Reactivación dos sectores cultural e turístico frente aos efectos da COVID19

Amaro Ferreiro estará este mércores en directo en O Grove cos Directos Xacobeo'21
Amaro Ferreiro estará este mércores en directo en O Grove cos Directos Xacobeo'21

Trece salas da provincia de Pontevedra forman parte dos escenarios que a Xunta inclúe no programa Directos Xacobeo'21, presentado este martes no Grove. Trátase dunha das iniciativas do Plan autonómico de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da COVID19, que ata outubro ten á música galega como protagonista con máis dun centenar de concertos con artistas e bandas da Comunidade.

O maior número de emprazamentos de concertos é a provincia da Coruña, cun total de dieciseis; e seguida de Pontevedra: Aturuxo en Bueu, Krazzy Kray en Cambados, Salason en Cangas, Sala Rebullón en Mos, El Náutico en O Grove, e en Vigo: El Contrabajo, Komisky, La Fábrica de Chocolate, La Iguana Club, La Pecera, Master Club, Radar Estudios e Sinatra Coctel Bar.

Para esta primeira semana de agosto están programados once concertos. Destes, nas salas da provincia de Pontevedra ofrecerase este próximo mércores 5 a actuación de Amaro Ferreiro no Náutico do Grove; o venres 7 en Mos estará Stoned at Pompeii e o sábado 8 García MC. O domingo 9 a sala Aturuxo de Bueu acollerá un concerto de Enxeito.

O conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, destacou durante a presentación que "este proxecto abre unha nova vía de apoio aos artistas e ás salas privadas de música en vivo, alicerces fundamentais do sector musical en Galicia". Os concertos, que xa comezaron a semana pasada, atenden ás medidas de seguridade establecidas, tanto no que incumbe a condicións hixiénico-sanitarias como en capacidade de público. Ademais da súa oferta en directo, os espectáculos son gravados e editados para a súa posterior retransmisión online a través de www.directosxacobeo.com