Jorge Fernández Fernández, que realizou os seus estudos en O Garaxe Hermético, a escola pontevedresa de ilustración que dirixe Kiko da Silva, converteuse no gañador do Certame Xuventude Crea 2021 na modalidade de Banda Deseñada, grazas á súa obra 'O capricho'.
Non é o único galardón que reciben alumnos ou exalumnos do Garaxe Hermético este ano neste certame que organiza a Xunta de Galicia. Tamén Sergio de Arcos lograba o terceiro premio na mesma modalidade polo seu traballo 'O xérmolo da roseira'. Por último, Ánxel Carramal conseguía unha Mención de Honra polo seu traballo titulado 'Jannyt'.
O segundo premio foi para Brais Fierro e o outro accésit foi a mans de Antón Yáñez. O xurado avaliou en todos os casos dos traballos presentados por creativos de toda Galicia a técnica, a orixinalidade da historia e as ilustracións en canto a relación co texto, novidade no debuxo e calidade artística.
O primeiro premio está dotado con 3.000 euros mentres que o terceiro é de 1.000 euros. Ademais, as obras premiadas, segundo indican desde a Xunta de Galicia, serán obxecto de difusión e promoción para que se visibilice o talento e a creatividade dos autores novos.
O equipo do profesorado do Garaxe Hermético transmitía este martes as felicitacións aos tres autores. No caso de Jorge Fernández e de Sergio de Arcos, ambos recibiron, ex aequo, na escola pontevedresa os premios fin de curso denominados Plumas Dourada no período lectivo 2019-20.