Trinta e sete concertos para un Surfing the Lérez que regresa a Pontevedra con aires renovados

Pontevedra
05 de xuño 2023

Calquera verán que se prece en Pontevedra só pode ter un único punto de partida posible: o Surfing the Lérez. O veterano festival pontevedrés ultima os preparativos para converter, un ano máis, a Illa das Esculturas nunha auténtica romaría urbana

Presentación da undécima edición do festival Surfing the Lérez
Presentación da undécima edición do festival Surfing the Lérez / Mónica Patxot

Calquera verán que se prece en Pontevedra só pode ter un único punto de partida posible: o Surfing the Lérez. O veterano festival pontevedrés ultima os preparativos para converter, un ano máis, a Illa das Esculturas nunha auténtica romaría urbana.

Os días 22, 23 e 24 de xuño, coincidindo coas celebracións de San Xoán, miles de persoas volverán a 'surfear' a beiras do río Lérez, gozando da ampla programación musical que os organizadores do festival prepararon para esta ocasión.

Trinta e sete bandas e artistas subirán ao escenario do Surfing the Lérez ao longo de tres días de festival nos que, ademais, haberá numerosas actividades infantís, o habitual mercadillo e unha zona gastronómica con 'foodtrucks' para saciar o apetito.

Nas últimas semanas, o festival fora desvelando algunhas das actuacións que integrarán o cartel deste ano, entre elas, as de Shego, The Rapants, Boyanka Kostova, Lamontagne & Pico Amperio, Zeltia Irevire, Visi, Adrian Timms ou os australianos Eggy.

A estes oito adiantos sumáronse este luns o resto dos concertos, que foron anunciados nunha rolda de prensa na que o director do festival, Marcos Rivas, estivo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Dakidarría, Malandrómeda, Escoitando Elefantes, La Casa de los Ingleses, Pablo Lesuit, Lontreira, Igloo, Airezzz, Helena Egea, Mundo Prestigio, Nocturna, Ronsel, Doctor Explosion ou Jacobo Sainz estarán tamén neste Surfing the Lérez 2023.

Este cartel complétase con Cabeza de Gallo, os concertos de Estudio Bonobo, Futuro Alcalde, Johnny Throelle, Larry Booowles, Los Mortymer, Mayfeld, Meu Cariño, Napalm e O Rabelo.

Galician Army ou os DJ Dinero, Gorllitox, Insomnia Club e Pablo Colorado poñerán o fin de festa.

Na zona infantil, pola súa banda, amenizarán o festival Paco Nogueiras, Pablísimo ou as iniciativas Soñando Inventei, Consertasso na Horta, As palabras perdidas ou Esto es rock. Haberá ademais obradoiros tradicionais e unha exhibición de beisbol a cargo do club Os Relámpagos.

"Este é o festival que mellor representa a filosofía cultura e musical de Pontevedra", destacou Fernández Lores, ao apostar por un formato diúrno, atraer ao público familiar, ter carácter gratuíto e estar composto maioritariamente por grupos e artistas galegos.

A entrada ao Surfing the Lérez, como é habitual, será gratuíta, aínda que os seus responsables solicitan a todas as persoas que queiran asistir que entreguen alimentos non perecedoiros que, tras o festival, serán doados a entidades sociais da cidade.

Ademais deste compoñente solidario, o festival reforzará este ano o seu compromiso coa inclusión e usuarios da Asociación Xoán XXIII colaborarán nas tarefas de produción.

Marcos Rivas explicou que o cartel desta edición foi deseñada pola artista Sara Moraña Docampo e a súa imaxe terá un protagonismo "significativo" durante o festival, xa que a ambientación e a decoración da Illa das Esculturas xirará ao redor das súas creacións.

O Surfing the Lérez, segundo o seu director, porá o broche de ouro a un ciclo que incluíu nas últimas semanas as iniciativas Arte e Parte, Cabos Soltos e Galegote Rock e que dan prioridade aos grupos galegos. "Estamos orgullosos de ter esta programación na cidade", sinalou Rivas. "Este é o verdadeiro festival da cidade", sentenciou.

PontevedraViva será o medio oficial deste Surfing the Lérez 2023.