Un dos músicos galegos de maior traxectoria internacional, o trompetista Esteban Batallán, recibirá unha das cinco Medallas Castelao que a Xunta entregará este ano.
Nacido en Barro en 1983, Batallán será o galardoado no ámbito cultural.
Tras formarse na comunidade -nos conservatorios de Pontevedra e Vigo ou na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia-, chegou a ser trompetista principal nas orquestras de Chicago e Hong Kong, entre outras.
Ademais, colaborou con orquestras sinfónicas de numerosos países.
Na actualidade, é membro do departamento de trompeta en DePaul University (Chicago) e profesor da Civic Orchestra, tamén en Chicago.
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no campo artístico, literario, deportivo, económico ou intelectual.
A gala de entrega terá lugar o próximo 28 de xuño, como todos os anos, coincidindo co aniversario da aprobación en plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao.
Xunto con Esteban Batallán, recibirán esta medalla a científica Mar Capeáns, o atleta Adrián Ben ou a propietaria dos restaurantes La Penela, María Barallobre.
Ademais, será recoñecida a Fundación Andrea, que atende a familias con nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.