Un curso no Edificio Castelao repasará a influencia da moda no universo artístico

Pontevedra
23 de setembro 2021

A profesora Carolina Munáiz ofrecerá dez sesións entre o 6 de outubro e o 15 de decembro para analizar a indumentaria que se empregou durante o século XX e o seu vencellamento coa música, o cinema e a arte. Para participar é necesario apuntarse no correo [email protected]>

Indumentarias do século XX
Indumentarias do século XX

Ao longo do próximos tres meses, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra converterase nunha aula de análise sobre a moda durante as distintas décadas do século  XX a través do curso 'Alegatos a medida. Indumentaria do século XX'. Esta iniciativa céntrase en observar os vencellamentos da vestimenta coas actividades musicais, cinematográficas e coas creacións artísticas.

A profesora Carolina Munáiz será a encargada de impartir dez sesións de hora e media que levarán a cabo todos os mércores entre as 19.00 e as 20.30 horas a partir do 6 de outubro e ata o 15 de decembro.

Para poder participar é necesario apuntarse a través do correo [email protected].

Durante as sesións Carolina Munáiz ofrecerá unha crónica da moda como ferramenta comunicativa desde a influencia dos  impresionsitas na vestimenta de finais do século  XIX ata a elegancia do New Look de París, pasando pola utilización do pantalón por estrelas cinematográficas como Marlene Dietricht ou Katherine Hepburn, que ofrecen un estilo de muller independente en círculos cosmopolitas.

O programa do curso será o seguinte:

Sesión 1. Final de século, final dunha vestimenta.

Sesión 2. Comeza o século XX. A carreira vangardista.

Sesión 3. Anos Vinte. Moda para a evasión.

Sesión 4. Anos Trinta. Entroido en tempos duros.

Sesión 5. Anos Corenta. Contenda e competencia.

Sesión 6. Anos Cincuenta. Conservadurismo dourado.

Sesión 7. Anos Sesenta. A alta costura á rúa, a rúa á revolución.

Sesión 8. Anos Setenta. Cambios de xénero, brillos e anarquía.

Sesión 9. Anos Oitenta. Materialismo en talla grande.

Sesión 10. Anos Noventa. A antimoda pudorosa.