Un espectáculo futurista e circense baseado no Camiño de Santiago chegará en novembro a Pontevedra

Pontevedra
29 de marzo 2022

Inventio é unha creación para público familiar chea de humor, misterio e fantasía con ecos de cinema futurista, que visitará 15 escenarios de Galicia, España e Portugal entre setembro do 2022 e xaneiro do 2023. As entradas sairán á venda o 6 de abril

O espectáculo Inventio chega a Pontevedra en novembro do 2022
O espectáculo Inventio chega a Pontevedra en novembro do 2022 / Vanessa Rábade

Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual ou composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Todo isto exporá Inventio, un novo espectáculo de gran formato inspirado no Camiño de Santiago, nos escenarios galegos a partires do vindeiro outono inverno.

Trátase dunha creación para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía e na que conviven a danza, o ilusionismo e as artes circenses. As entradas para a xira galega de Inventio, que visitará Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, estarán a disposición do público a partir do próximo mércores 6 de abril.

Baixo a dirección creativa do mago Martín Varela e promovida pola produtora galega Thinking Up Events, Inventio visitará un total de 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023. 

Esta historia futurista ambientada no ano 2094 nun mundo branco, aséptico, ordeado, frío e impersoal no que a sociedade deixou de sentir e de comunicarse.

Neste contexto celébrase o derradeiro ano Xacobeo do século XXI, no que unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, ninguén o lembra. A misión deste elenco é a de reconstruír a identidade cultural.

A estrea absoluta de Inventio terá lugar en Galicia en setembro do 2022 en Ferrol e chegará a Pontevedra os días 11, 12 e 13 de novembro nun recinto todavía por confirmar.