‘Un optimista radical’, teatro na Deputación con estudantes para celebrar as Letras Galegas

Pontevedra
22 de maio 2023

O Pazo Provincial acollía este luns un espectáculo teatral para homenaxear o autor Fernández del Riego coa presenza de alumnado dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio e dos IES Frei Martín Sarmiento e Valle Inclán

Representación de 'Un optimista radical' co actor Serafín Marcos
Representación de 'Un optimista radical' co actor Serafín Marcos / Deputación de Pontevedra

A figura de Francisco Fernández del Riego era homenaxeada este luns no Pazo Provincial de Pontevedra, dentro dos actos que organiza a Deputación na programación das Letras Galegas 2023.

Estudantes dos CIFP Carlos Oroza e Manuel Antonio e dos IES Frei Martín Sarmiento e Valle Inclán acudían ao espectáculo teatral, organizado polo departamento de Lingua, cuxa deputada María Ortega insistiu na importancia de transmitir a lingua e a cultura galega. "Tedes unha grande responsabilidade", afirmou ante o alumnado para que manteñan con vida a identidade galega.

Lembrou tamén que Fernández del Riego mantiña unha estreita relación coa mocidade. "Hoxe estaría feliz de estar aquí con vós", asegurou antes de que se iniciara 'Un optimista radical', montaxe representada por Serafín Marcos, que realizou un percorrido pola traxectoria vital e literaria do autor ao que este ano se dedican as Letras Galegas.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, tamén asistía ao acto agradecendo a participación dos centros educativos e lembrou citas de Fernández del Riego: "o pobo que esquece a súa lingua é un pobo morto".

A máxima representante provincial fixo referencia á súa infancia na que non se permitía falar galego nin na escola nin na casa aínda que a súa nai era exclusivamente "galegofalante". "Tivo que pasar moito tempo para que eu fose consciente de que me estiveran roubando ou meu idioma", explicou.

Destacou ademais a importancia de Fernández del Riego na creación da Editorial Galaxia, entidade que defende a tradición literaria en galego.

O alumnado recibiu como agasallo a publicación de Polo Correo do Vento titulada 'O camiño andado das letras' sobre as persoas ás que se dedicaron as Letras Galegas durante o últimos sesenta anos.