Unha fusión flamenca a cargo de Miguel Poveda e Miguel Lamas inicia 'Os Xoves de Códax'

O Salnés
12 de xullo 2024

Trátase da undécima edición do ciclo musical que organiza Bodegas Martín Códax. A recadación dóase a entidades solidarias

Miguel Poveda e Miguel Lamas en 'Os Xoves de Códax'
Miguel Poveda e Miguel Lamas en 'Os Xoves de Códax' /

 A undécima edición do ciclo musical de Os Xoves de Códax comezou por todo o alto cunha fusión musical con notas flamencas onde o recoñecido batería Miguel Lamas, convidou a que o acompañase no escenario o destacado artista flamenco Miguel Poveda.

Miguel Lamas é un dos baterías máis recoñecidos e reputados do panorama musical español que toca a batería dende os 4 anos e que traballou con artistas e grupos como Dani Martín, Melendi, Pablo Alborán, Manuel Carrasco, Amaia Montero, Miriam Rodriguez, Abraham Mateo, Zahara, Raimundo Amador, en directo e no estudio.

Convidou a que o acompañase ao escenario o destacado artista flamenco, Miguel Poveda. Cunha carreira de 30 anos, Poveda recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Música, a Cátedra de Flamencología de Jerez de la Frontera, a Medalla de Andalucía, e foi nomeado Fillo adoptivo de Sevilla e A Unión, e Fillo predilecto de Badalona.

Na súa obra discográfica destaca a fusión do flamenco tradicional con xéneros como a canción andaluza, o tango e a canción popular mexicana.

En 2024, presenta un novo disco que continúa explorando o flamenco e outras músicas populares, incluíndo composicións propias e textos de poetas como Lorca, Hernández e Rafael de León. Os seus concertos son coñecidos pola súa emoción, liberdade e improvisación propias do flamenco.

Cabe destacar o compromiso social destes concertos e que a recadación de cada Xoves terá asinada a unha ONG.

Neste concerto, a organización beneficiaria foi ACEM, Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Parkinson, Ela e Outras Enfermidades Neurodexenerativas. Entidade sen ánimo de lucro que nace co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple, así coma a dos seus familiares e persoas coidadoras, integrando posteriormente ás persoas con ELA e ás afectadas pola enfermidade de Parkinson.

No seu Centro de Rehabilitación Integral, ACEM ofrece unha atención multidisciplinar a través dos servizos de fisioterapia, logopedia, atención psicolóxica, terapia ocupacional e preparación física. Ademais, informa, orienta e apoia cos servizos de traballo social e asistencia xurídica; desenvolve terapias complementarias coma pilates, golf adaptado e obradoiros artísticos e leva a cabo actividades de dinamización, divulgación e sensibilización.

Ao longo das dez edicións celebradas ata agora, os ciclos dos “ Os Xoves de Códax” recadaron máis de 220.000 euros, que foron repartidos entre diferentes asociacións solidarias da contorna máis próxima da adega e de Galicia.