Unha obra de monicreques para falar cos escolares sobre os cambios na estrutura familiar

Pontevedra
14 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

'Pingüín' é o nome da proposta de Periferia Teatro que obtivo o Premio a Mellor Espectáculo no World Art Festival of Puppets de Praga e o Premio a Mellor Proposta Dramática na Fira de Titelles de Lleida

Pingüín, de Periferia Teatro
Pingüín, de Periferia Teatro / Afundación

O Auditorio da Sede Afundación Pontevedra acollerá durante toda a vindeira semana a última proposta escénica da programación de teatro para escolares para este curso. 

Máis de 3.000 escolares de educación infantil de 57 centros de Pontevedra e arredores gozarán de 'Pingüín', de Periferia Teatro, unha produción que a través das divertidas peripecias dun pequeno pingüín trata en clave de humor situacións cotiás da vida entre pais, nais e fillos. 

As representacións serán os días 15, 16, 17 e 18 de abril, con funcións ás 10 e ás 12 horas.

Con Pingüin abórdase o tema da difícil situación á que se enfronta un neno cando ten que compartir o agarimo e a atención dos seus pais cun novo membro na familia. O "príncipe destronado" deberá superar esta proba e darse conta de que gañou un amigo para toda a vida. 

Esta obra foi recoñecida con Premio a Mellor Espectáculo no World Art Festival of Puppets de Praga e o Premio a Mellor Proposta Dramática na Fira de Titelles de Lleida.

As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, promovendo unha educación en valores e competencias transversais que potencia o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. 

Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais.