O claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolleu este venres a performance "Unha vaixela, unha premonición" da artista Marta Fernández Calvo, coa colaboración da cantante viguesa Su Garrido Pombo.
Trátase dunha actividade que forma parte da programación de "Artes vivas" da Bienal de Pontevedra.
A acción escénica activou un arquivo emocional tecido arredor do alimento, a memoria e os coidados, a través dun traballo coral que conectou profundamente co público asistente.
A proposta, comisariada por Iñaki Martínez Antelo, destacou pola súa intensidade e delicadeza.
Un traballo centrado na palabra e o son, convocando voces, lembranzas e relatos.
Esta performance confirma a aposta da Deputación de Pontevedra pola promoción da arte contemporánea e a cultura en todas as súas manifestacións.
