As Festas de Verán de Pontevedra manterán o seu espazo para os ritmos urbanos máis actuais. Será cunha nova edición de Urbana Monte Porreiro.
Haberá dúas noites de concertos, o martes 4 e o mércores 5 de agosto ás 21:00 horas, no escenario que estará habilitado no miradoiro do barrio.
9Louro, un artista que tras o seu ascenso meteórico é xa unha referencia dentro da música urbana galega, será o encargado de abrir o ciclo.
Farao o 4 de agosto para mostrar a súa proposta innovadora, que combina os ritmos da cultura galega con influencias do afro, do funk brasileiro ou do trap.
Xunto a el estará a artista canaria Daniela Garsal, quen conquistou á súa audiencia coa súa capacidade única para fusionar xéneros como o R&B, soul, pop e sons latinos.
En pouco tempo, logrou desenvolver un estilo persoal e vangardista, reflexo das súas diversas influencias musicais e da súa experiencia no mundo musical.
O rapero Al Safir, como estaba anunciado, será a proposta principal para o mércores 5.
A súa habilidade para mesturar líricas crúas con mensaxes profundas sitúao como unha figura destacada no panorama nacional. Acaba de editar o seu terceiro disco, Príncipe, co que entra en novos sons como o flamenco ou o trap con tinguiduras de reggaeton.
No seu caso, estará acompañado de Kid Mount, un artista galego natural de Xinzo de Limia que empeza a consolidar o seu espazo dentro da escena urbana alternativa.
A súa aposta musical camiña entre o novo funk e o reggaeton galego, conformando unha proposta sonora tan emocional como atrevida e radicalmente persoal.