A Illa de Arousa prepárase para recibir os días 20 e 21 de xuño o encontro "Begoña nas Illas: de Eea e Ávalon á Illa de Arousa". Esta cita cultural lembrará a escritora e xornalista Begoña Caamaño, a figura á que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas neste ano 2026, a través dun programa que mestura literatura, música e feminismo.
A iniciativa quere amosar a relación que unía á autora co municipio arousán. Segundo a concelleira de Educación e Igualdade, Lidia Barreiro, a homenaxe céntrase en visibilizar os lazos afectivos da escritora coa zona e en difundir o seu papel na literatura e no movemento feminista galego.
Pola súa parte, a cantante e promotora cultural Uxía Senlle apunta que o evento está pensado como un espazo para compartir lembranzas, música e redes de apoio entre mulleres.
As actividades comezan o sábado 20 de xuño, ás 19:00 horas, cun itinerario a pé que vai desde a Comboa ata o Faro de Punta Cabalo. Este percorrido polos lugares da illa ligados á traxectoria vital de Caamaño contará coas explicacións de Paula Carballeira, Rosa Bugallo, Lidia Luna, Helena Domínguez, Nito Dios e a propia Uxía Senlle.
A xornada do domingo 21 de xuño comeza ás 12:00 horas no Centro de Interpretación da Conserva coa apertura dunha mostra de ilustracións de Viki Rivadulla, creadas para o libro-CD Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño.
No mesmo lugar haberá un coloquio musical titulado "Na Casiña da Comboa. As illas de Begoña: de Eea e Ávalon á Arousa", no que interveñen Uxía, A Pedreira e mulleres que traballan no sector da conserva local. A mañá remata ás 13:30 horas cunha sesión vermú animada pola Foliada das Amigas entre o tombo do Campo e o Regueiro.
Pola tarde, a programación regresa ao Centro de Interpretación da Conserva ás 18:00 horas coa presentación do libro Arte menor, de Susana Aríns, e os cantos tradicionais do grupo 7 Mulheres d'O Lughar.
Xa ás 20:00 horas, o Xardín das Traballadoras da Conserva acolle un recital de poesía e música que coincide co Solsticio de Verán e o Día Europeo da Música. Nesta intervención participan, entre outras creadoras, Mercedes Peón, Ana Romaní, Alba María, as irmás Bea e Mónica Caamaño, xunto ao acompañamento instrumental de Bleuenn Le Friec, Sabela Dacal e Rafa Otero.
O punto final do encontro poñerase ás 21:30 horas no Bar O Museo cun brinde grupal onde se servirá o cóctel "Begoñísima", deseñado por Tereixa L. C.