Vilanova de Arousa encherase de blues esta fin de semana

O Salnés
25 de agosto 2025
Actualizado: 15:06

Vilanova de Arousa será, os días 29 e 30 de agosto, o privilexiado escenario do Vilablues, un festival completamente gratuíto que acollerá doce concertos

Shirley Davis actuará no Vilablues
Shirley Davis actuará no Vilablues / Vilablues

Fiel a súa condición de festival itinerante, o Vilablues estrea sede na súa décima edición.

A localidade costeira de Vilanova de Arousa será, os días 29 e 30 de agosto, o privilexiado escenario dun festival completamente gratuíto que acollerá doce concertos de destacadas figuras internacionais da música negra, entendida dende as súas máis amplas vertentes, así como de relevantes nomes da escena española e dunha nutrida e referencial representación de grupos galegos.

O Vilablues contará con dous escenarios nos que se desenvolverán os concertos. O escenario Xacobeo estará situado no parque do Cabo, en tanto que o escenario Galicia é Deleite ubicarase na praza do Parque.

Segundo destacan os seus organizadores o Vilablues 10 preséntase como un festival "aberto e moi compensado, no que teñen cabida moi distintos xeitos de entender a música negra: dende o blues máis clásico ata o rhythm & blues, o soul, o country-folk, o bluegrass ou rockabilly".

Presentación do Vilablues
Presentación do Vilablues

VENRES 29

O programa da primeira xornada desta décima edición do Vilablues coa presenza da que xa é considerada a nova diva do soul europeo, a londinense filla de pais xamaicanos Shirley Davis, que chegará a Vilanova acompañada pola súa banda habitual The Silverbacks.

Tamén sobresae no cartel do venres a presenza de Los Deltonos, o power trío liderado por Hendrik Rover que despois de catro décadas de inapelable carreira seguen obstinados en demostrar que son unha das bandas de blues e rock máis grandes que ten dado a península.

Tampouco anda moi lonxe desa condición a banda do carismático guitarrista compostelán Adrián Costa, referencia fundamental do blues feito desde Galicia dende aqueles tempos nos que fundara Los Reyes del K.O.

A primeira xornada do Vilablues 10 complétase con outras dúas bandas galegas de longuísima e recoñecida traxectoria como son os composteláns Mad Martin Trío e os vigueses Los Pontiaks ademais de con The Blues Moonshiners, banda formada por músicos que son lenda na escena galega do blues como Jay Doe (guitarra e voz), Ramón Figui (harmónica) e Fran Trilli (percusión).

Giselle Jackson
Giselle Jackson   Vilablues

SÁBADO 30

A segunda xornada do Vilablues 10 conta co luxo de ter no seu escenario a Gisele Jackson, unha cantante que viviu os últimos escintileos da era dourada do soul e do funk xirando como corista con Ray Charles, con Donna Summer e co seu ‘padriño’ James Brown.

Gisele Jackson, que chega a Vilanova acompañada por The Shu Shu’s, un trío barcelonés cun son que evoca os anos 60 e o blues de Memphis, equilibra á perfección o espírito do soul coa enerxía, o ritmo de o desenfreo da música de baile.

Tamén destacan na proposta do sábado outras dúas presenzas internacionais, a de Nico Wayne Toussaint, aclamado multiinstrumentista francés gañador, antre outros, do premio ao mellor intérprete de armónica no Memphis International Blues Challenge, e TT Syndicate, unha banda formada en Oporto que a día de hoxe, grazas aos seus arroiadores directos, xa é unha das maiores sensacións do rhythm & soul europeo.

O cartel do sábado complétase coa presenza do dúo catalán The Suitcase Brothers coa súa aposta polo blues rural e acústico, os vigueses Jay Doe & The Blues Preachers e Malabesta, o proxecto paralelo de Vituco Neira (Ruxe Ruxe), acompañado por Diego de Lera, Ismael Cabaleiro, David Regueiro e Iago Jorge e centrado en poñerlle acento galego ao bluegrass americano.