Vinte e catro obras optan ao primeiro premio literario Pinto e Maragota de diversidade sexual

Pontevedra
02 de maio 2020

O resultado desta participación, segundo a edil de Igualdade, Paloma Castro, é "máis que satisfactorio" para un premio que nova creación e que ten unha temática "tan concreta". Nove das obras presentadas son de narrativa infantil, xuvenil ou adulta, seis son pezas teatrais, seis son de poesía e tres son álbums infantís

Paloma Castro e Fran Alonso, director editorial de Xerais
Paloma Castro e Fran Alonso, director editorial de Xerais / PontevedraViva

O premio literario Pinto e Maragota, o primeiro que se convoca en Galicia sobre diversidade sexual, afectiva e de xénero, recibiu vinte e catro propostas.

De entre todas elas sairá a peza gañadora do galardón, que se coñecerá nunha data próxima ao 28 de xuño, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGTBI.

O resultado desta participación, segundo a edil de Igualdade, Paloma Castro, é "máis que satisfactorio" para un premio que nova creación e que ten unha temática "tan concreta".

Nove das obras presentadas son de narrativa infantil, xuvenil ou adulta, seis son pezas teatrais, seis son de poesía e tres son álbums infantís.

Ademais de estar dotado cunha achega económica de 3.000 euros, o traballo premiado será publicado por Edicións Xerais de Galicia, que asinará co gañador un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual.

A concelleira socialista prevé que a obra poida editarse cara principios de 2021.

O xurado que elixirá a obra gañadora estará formado por dúas persoas designadas pola concelleira de Igualdade e outra a proposta de Edicións Xerais.

O premio literario Pinto e Maragota, recordan desde o Concello, busca visibilizar, reivindicar e dignificar a diversidade sexual e de xénero.